O xoves 6 de febreiro anunciáronse os finalistas da 23º edición dos Premios Mestre Mateo.
Un dos films que máis resaltou foi 'As neves', o thriller adolescente dirixido por Sonia Méndez, que acumulou 13 nomeamentos entre os que se atopan os destacados Mellor película, Mellor dirección ou Mellor interpretación feminina protagonista.
Na longametraxe participou o porriñés Diego Caro, que actualmente cursa o Grao de Comunicación Audiovisual da Universidade de Vigo en Pontevedra, interpretando a Óscar, membro do grupo de amigos no que se centra a película.
O filme toma lugar na aldea ficticia de As Neves, situado na montaña lucense, e nel un grupo de amigos celebra unha festa durante a noite de Entroido, onde se drogan con cogomelos por primeira vez.
Á mañá seguinte, espertan cunha tormenta de neve e a noticia de que Paula, unha das mozas da festa, desapareceu. Comeza unha investigación que lles marcará para sempre, complicada por unha gran nevada e a caída de Internet.
'As Neves' é a primeira longametraxe de Diego Caro, aínda que tivo unha pequena participación no filme 'Live is life' de Dani de la Torre.
Nesta entrevista, Diego fala da súa experiencia na rodaxe de "As Neves", e de como ser estudante de Comunicación Audiovisual inflúe en ter unha visión máis ampla do mundo cinematográfico, sendo unha gran axuda á hora de realizar os seus papeis como actor.
Como te sentes sabendo que a túa primeira película recibiu 13 candidaturas aos Mestre Mateo?
Síntome cheo de orgullo e contentísimo, porque todo o equipo estaba formado por profesionais dos pés a cabeza, e fixeron un traballo excepcional. Penso que os nomeamentos de todos e cada un dos finalistas de 'As Neves' foron máis que merecidos e alégrome moito por eles. Meréceno máis que ninguén e oxalá leven os seus premios. Concretamente estou orgullosísimo do nomeamento que recibiu Andrea á Mellor Interpretación Feminina Protagonista, e faríame moi feliz que gañase.
Como foi a túa experiencia na rodaxe, tendo en conta que foi a túa primeira película? Acadou as túas expectativas?
'As neves' foi a primeira película na que tiven un papel máis importante, pero xa antes participara no film de Dani de la Torre 'Live is life' cunha pequena parte, así que xa tiña un contacto previo cunha rodaxe profesional. Pero non tivo nada que ver, porque en 'Live is life' estiven pouco menos dunha semana, e en 'As Neves' foi moito máis tempo, tres semanas e algo, case un mes.
A verdade é que a experiencia acadou as miñas expectativas e superounas, porque ademais, durante a rodaxe, eu estaba cursando o primeiro ano de Comunicación Audiovisual en Pontevedra, e sentíame super afortunado por estar aprendendo tanto. Agora nótoo, sobre todo neste ano da carreira, porque xusto teño a asignatura de Ficción, na que temos que intentar levar adiante varias rodaxes, e acórdome constantemente de 'As Neves' e dos tips que me daban os técnicos. O tempo que estiven na rodaxe foi para min como un máster, axudoume moitísimo. De feito un dos profesores dixérame "vai para alí, e disfruta e aprende o máximo posible, porque nada do que imos dicir aquí vaiche servir tanto como a experiencia que vas gañar cando empeces a rodaxe".
Como foi traballar con Sonia Méndez?
Traballar con Sonia foi incrible. Foi unha experiencia moi enriquecedora, gárdolle moito cariño pola confianza que depositou en min e por todo o que aprendín con ela. É unha directora que facilita moitísimo o traballo, expresa moi ben o que quere de ti. Ademais, é moi empática contigo, sabe como tratarte, e cando lle propós algo sabe tamén cara onde levalo. Deixounos moita liberdade e fixo un traballo de dirección de actores excelente. Encantaríame volver traballar con ela porque foi unha experiencia moi valiosa para min, é un gustazo traballar con ela.
Que supuxo para ti traballar cun elenco de idades tan similares á túa, a maioría tamén debutantes?
Sempre mola traballar con xente da túa idade e facer amigos novos, porque ese bo rollo trasladouse, no meu parecer, á pantalla. Ademais, as xornadas de rodaxe eran moito máis levadías, porque nos levabamos moi ben, tanto entre nós como co equipo.
Sonia fixo un traballo de dirección de actores moi bo, e fixémonos todos colegas xa antes da rodaxe, pois entre ensaios e probas de vestiario quedamos moitísimo. Ademais, durante estos procesos houbo unha fin de semana onde todos os rapaces marchamos a Fonsagrada para facer ensaios en localizacións, e iso foi un punto moi importante no factor de 'crear piña' entre nós.
Actualmente seguimos sendo todos colegas, non nos vemos tanto pero continuamos tendo esa mesma confianza.

Como levas compaxinar os teus estudos de Comunicación Audiovisual coa túa faceta como actor?
Levo ben compaxinar ambas facetas, aínda que ás veces teño a dúbida de se estarei facendo ben en cursar Comunicación Audiovisual ou debería estudar Arte dramática. Antes de elixir que grao realizar este era un pensamento que se repetía na miña mente. Pensaba: que fago, métome en Comunicación Audiovisual porque me mola moitísimo o cine e podo continuar pola miña conta coa actuación sen desvincularme do mundillo, ou fago Arte Dramática que é o que de verdade me gusta?
Ao final tomei a decisión de estudar Comunicación Audiovisual e non me arrepinto, porque a carreira me gusta e aínda teño tempo de rematar o grao e continuar coa miña formación como actor. Ademais, non deixei a interpretación de lado porque na facultade facemos moitas curtas e eu propóñome sempre para actuar. Fixen bastantes proxectos con xente da universidade, tanto da miña clase coma doutros cursos, e estou super contento.
Tamén seguín facendo algún curso, e considero que todo se compaxina ben, xa que o que estou a facer en Comunicación Audiovisual podo extrapolalo á interpretación, e o mesmo coa interpretación para os proxectos da propia universidade.
Cales vantaxes vés de traballar tanto detrás coma diante das cámaras? Cres que estudar Comunicación Audiovisual axúdache dalgunha maneira nos teus papeis como actor?
As vantaxes que vexo de traballar detrás da cámara tendo xa formación como actor son moitísimas. Considero que, ao ser eu actor, podo realizar un bo labor na dirección de actores, xa que sei que tipo de indicacións dar, que pedir aos actores e como levalos ao que eu quero sen que eles se sintan incómodos. Tamén creo que estudar Comunicación Audiovisual axúdame dalgunha maneira nos meus papeis como actor, sobre todo nas rodaxes, xa que, coa formación que teño na miña carreira, sei como facilitar o traballo aos meus compañeiros técnicos e facer que todo saia o mellor e máis rápido posible.
Que é o que te chama a atención cara as diferentes facetas do mundo audiovisual?
O que máis me chama a atención, ademais da interpretación, é o departamento de guion. Gústame moitísimo escribir personaxes e historias que poidan achegarlle algo a un hipotético espectador. Encantaríame ser guionista nun futuro. Eu intento escribir calquera cousa que se me ocurra, apuntala para poder despois desenvolvela o mellor posible porque interésame moitísimo contar historias que provoquen algo nas persoas.
En concreto, a creación de personaxes, que tamén vai ligado á miña faceta como actor, interésame moitísimo e paréceme moi interesante. Sempre que vexo películas e series no que máis me fixo, ademais da interpretación, é en como foron escritos os personaxes, como os pensaron psicoloxicamente, que tipo de persoa son… ese tipo de cousas interésanme moitísimo.
Como te preparas para os teus papeis como actor?
O primeiro que fago é unha análise do personaxe, intentar describir como é, como pensa, como actúa, por que o fai e que quere conseguir con iso. Tamén intento ver que cousas teño en común co personaxe para poder levalo ao meu terreo e empatizar con el. Intento inspirarme en momentos pasados da miña vida ou de persoas que coñeza, e utilizo todos os recursos que poida ter a man para poder meterme o mellor posible no personaxe. Para min, esa é a forma que máis me serve para preparar un papel. Xa logo tocaría analizar o guion, escena a escena, e ter claro o arco de personaxe, que desenvolvemento ten, como comeza e como remata.
Cales son os teus referentes no mundo audiovisual? Tes algún ou algúns actores ou directores favoritos?
Teño bastantes referentes xa que me gusta moito o cine. Considérome unha persoa cinéfila, ou un intento de cinéfilo.
Como director favorito, houbo un punto na miña vida no que foi Quentin Tarantino. Creo que moitos cinéfilos tivemos esa etapa de ser seguidor de Tarantino. Agora mesmo, a nivel español diría Rodrigo Sorogoyen. Flípame, para min é un referente. A nivel máis internacional, Robert Eggers é un dos meus directores favoritos. Yorgos Lanthimos tamén me parece moi curioso, espértame moitas sensacións e emocións que non sinto con outras películas.
En canto a intérpretes, de toda a vida o meu actor favorito foi Leonardo DiCaprio, xunto con Edward Norton, porque o filme que máis me marcou na vida foi 'Fight Club'. Cando a vin con 14 anos namorei das películas. Xa miraba cine, pero esta foi moi importante para min. É un tópico pero é a verdade.
A nivel español o máis icónico é Javier Bardem. É un animal, o papel que fai en 'No country for old men' é para darlle un Óscar e darllo de xeonllos. Oxalá facer algún día un papel así e facelo tan ben coma el.
Como ves o teu futuro no sector audiovisual?
Vexo o meu futuro en rodaxes, sempre que sexa posible, tanto detrás coma diante das cámaras, pero sempre en rodaxes. Xa estiven en varios e quero que siga así. Xa sei o que hai e é algo moi aditivo. Cando estás alí estás a mil, pero gústache esa sensación e cando rematas queres máis, queres traballar xa noutro proxecto. Gustaríame que seguise sendo así, porque, para a idade que teño, considérome bastante afortunado.