Distintas linguas reivindican a poesía en PontePoética

Pontevedra
29 de xuño 2014

Oito poetas que empregan diferentes linguas da Península ofrecen durante esta fin de semana a súa visión sobre a poesía a través das diversas actividades que se recollen na cuarta edición de PontePoética

Pontepoética 2014 Diego Torrado

A escritora compostelá Yolanda Castaño segue sendo o referente central de PontePoética, o festival de poesía que se desenvolve en Pontevedra e que esta fin de semana chegou á súa cuarta edición. Nesta ocasión, Yolanda Castaño, en colaboración co Ateneo de Pontevedra e o financiamento do Concello de Pontevedra, seleccionou oito poetas que ofrecen diferentes visións da arte literaria da palabra a través do uso das diferentes linguas da Península. Ao longo destes días pódense escoitar obras en galego, castelán, portugués, catalán e vasco.

O Teatro Principal acollía este sábado un recital coa participación de todos os autores desta edición: Ana Luisa Amaral, Anxo Angueira, Elvira Riveiro, Xavier Rodríguez Baixeras, Angels Gregori, Íñigo Astiz, Ledicia Costas e o madrileño Benjamín Prado.

Durante a xornada deste domingo, como broche final ao Festival, Benjamín Prado, coñecido popularmente ao ser colaborador da Cadena Ser e autor de obras como 'Ecuador', 'Iceberg' e 'Marea humana', ofrece un obradoiro sobre narrativa no Pazo da Cultura.