A agrupación Pola Vila pon en marcha unha completa semana de actividades para celebrar San Sebastián, santo ao que a cidade invocou no século XVI na loita contra a peste e o cólera.
O programa comezará o luns 12 de xaneiro cun curso especializado de afinación e empalletado de gaita na Casa da Luz, impartido por Juan Iglesias Esperón, centrado na posta a punto e mantemento deste instrumento tradicional imprescindible no folclore galego.
O martes 13, será a quenda do obradoiro sobre o traxe tradicional galego, guiado por Ana da Ristra, tamén na Casa da Luz. Esta sesión pretende difundir e poñer en valor a indumentaria como alicerce do patrimonio cultural galego, achegando aos participantes o uso e contexto histórico das vestimentas.
O mércores 14 está programado un obradoiro de canto tradicional e popular con Lola de Riveira, que explorará a transmisión oral, a interpretación colectiva e o coñecemento do repertorio galego.
A actividade familiar cobra protagonismo o xoves 15 con "Percutando en familia", impartido por Miguel Fraguas na Casa da Luz, para favorecer a convivencia a través da percusión e fomentar a aprendizaxe interxeracional da música galega.
A programación didáctica culmina o venres 16 cun obradoiro de baile tradicional galego, a cargo de Xandre Outeiro, no Mercado de Abastos, unha sesión aberta ao público que convida á veciñanza a ocupar e festexar os espazos urbanos mediante a danza.

O gran peche será o sábado 17 de xaneiro coa celebración da Romaría de San Sebastián.
"Pola Vila", coa colaboración do Concello de Pontevedra, quere promover con esta actividade a cultura galega e fortalecer o sentido comunitario arredor dunha data representativa na vila cunha festa previa á celebración do 20 de xaneiro, día das celebracións oficials.