Este luns, 20 de xaneiro, terá lugar o histórico voto da cidade de Pontevedra a San Sebastián, copatrono da Boa Vila xunto a San Roque.
Esta tradición remóntase a fai máis de cinco séculos, aínda que, na actualidade circunscríbese ao ámbito relixioso.
Como todos os anos impares, a misa solemne terá lugar na Real Basílica de Santa María a Maior, ao oito da tarde.
Nesta ocasión, será unha familia de Venezuela, formada por Lorena Boscán, John Gómez e o seu fillo Vicente, a encargada de pronunciar o voto, incidindo na situación dos migrantes na cidade.
En anos recentes, este voto foi encomendado a unha persoa cega, a unha parella de mozas, ao presidente da Asociación Amigos do Camiño Portugués a Santiago, á directora de Cáritas Interparroquial de Pontevedra, así como a un paciente dunha grave doenza hepática, tratando sempre de visibilizar distintas realidades que afectan os pontevedreses no seu día a día.
Este voto conta cunha historia de 508 anos ás súas costas. En xaneiro de 1515, durante un grave episodio de peste, a entón vila de Pontevedra ofreceuse a San Sebastián, con motivo da proximidade da súa festa e dada a súa especial intercesión para librar de calquera enfermidade a persoas e urbes.
O brote de peste remitiu e os pontevedreses apuntaron que isto foi grazas ás súas devotas oracións ao santo, desde entón réndeselle a San Sebastián unha especial homenaxe cada 20 de xaneiro, figurando como un dos principais protectores da cidade, xunto a San Roque (outro gran avogado fronte ás epidemias) e á patroa, A nosa Señora da Esperanza, a Virxe da O.