Do 10 ao 15 de decembro, Novos Cinemas ofrecerá as películas máis humanistas de cineastas incipientes

Pontevedra
05 de decembro 2019

Emitiranse no Teatro Principal 14 filmes inéditos ao prezo de 3 euros por proxección coa opción de adquirir ata este xoves 5 un abono para todas as películas por 7,5 euros, que terá un prezo de 15 euros a partir deste venres 6. Novos Cinemas 04 contará coa presenza de Bas Devos, cineasta belga coa emisión das súas tres películas

Presentación de Novos Cinemas 04
Presentación de Novos Cinemas 04 / Cristina Saiz

'Arima', de Jaione Camborda será a primeira película que se proxectará durante o Festival Internacional de Cinema de Pontevedra, Novos Cinemas 04, que se desenvolverá desde o martes 10 ata o domingo 15 de decembro en Pontevedra, xornada na que se clausurará con 'Longa Noite', de Eloy Enciso, no Teatro Principal.

Este xoves presentábase na Casa da Luz a nova edición Novos Cinemas 04 coa presenza de Jacobo Sutil​, director de AGADIC; Jorge Soto​, vicerreitor do Campus de Pontevedra; Vitoria Alonso​, deputada de Cultura; Carme da Silva​, concelleira de Animación Sociocultural do Concello de Pontevedra; ademais de Anxo Santos, Daniel Froiz e Suso Novás​, responsables da dirección deste festival.

Jacobo Sutil destacaba o espectacular ano que o audiovisual galego está a vivir. Neste sentido, relacionou estes resultados coa posta en marcha de proxectos como este festival no que se promoven as películas creadas en Galicia. 

Pola súa banda, o vicerreitor Jorge Soto subliñaba a importancia da formación do estudantado do campus dando saída a cineastas como Oliver Laxe que estudou en Pontevedra e "agora triunfa en todo o mundo" representando aos galegos.

Tamén Victoria Alonso tivo palabras positivas para este festival do que singularizou a súa accesibilidade a todos os públicos. A concelleira Carme da Silva tamén apuntaba a importancia que este festival mantén cos escolares a través de diversas propostas.

Suso Novás afirmaba que ao longo de todo o ano se  desarollan talleres e visitas formativas a centros educativos. Durante a próxima semana, entre outras propostas, haberá encontros entre escolares con idades comprendidas entre os 8 e os 12 anos no Museo e emitirase a proxección de 'O xigante de ferro', unha das películas de animación de maior importancia durante os anos 90.

Ángel Santos explicaba que a programación que conta coa proxección de 14 películas inéditas nas seccións competitivas: nove pertencentes á sección oficial e outras cinco correspondentes á sección Latexos, ofrecerá unha programación heteroxénea e destinada ao público da cidade cun sentimento humanista. Afirmaba que desde o Novos Cinemas tómase como referencia aos festivais de Berlín e de Róterdan para realizar a programación de novos creadores audiovisuais.

Un dos principais atractivos do evento será a proxección das tres obras do cineasta belga Bas Devos, que visitará Pontevedra durante as xornadas. Trátase da primeira vez que se dedica un especial a este director en España.

O festival complétase con numerosas actividades durante a súa duración. Toda a programación pódese consultar na páxina web de Novos Cinemas. As entradas para as películas terán un prezo de 3 euros na billeteira do Teatro Principal mentres que o bono pódese adquirir a 15 euros a partir deste venres, xa que a oferta a metade de prezo conclúe na noite deste xoves. Pódense adquirir en Ataquilla