A deste xoves 19 de novembro foi unha noite de teatro en Pontevedra, con dobre cita en Pazo da Cultura e Teatro Principal.
O Pazo acolleu a representación de En el estanque dorado, enmarcada dentro do ciclo Summum Teatro.
Prevista inicialmente para o 7 de maio, tivo que ser suspendida polo accidente doméstico dun dos seus protagonistas, Héctor Alterio, que encabeza o elenco xunto a Lola Herrera.
Tratábase dunha obra dirixida por Magüi Mira e baseada no texto de Ernest Thompson adaptado por Emilio Fernández, do que puido gozar un bo número de espectadores pero da que non se puido obter fotografías por expreso desexo de Lola Herrera.
A outra cita da xornada foi a cuarta parada de Ponteatro, no Teatro Principal da cidade de Lérez.
Teatro do Atlántico representou O principio de Arquímedes, con texto de Josep María Mirou e Coromina e dirixida por Xúlio Lago nunha reflexión sobre o medo, a sospeita e a violencia ante a dúbida de que alguén lle faga algo aos nosos fillos.
Summum Teatro terá a súa xornada final o 27 de novembro co espectáculo Magia Potagia de Juan Tamariz, mentres Ponteatro regresará o 10 de decembro con Noiteboa de Redrum Teatro.