Doce cordas para revisar como era o boxeo do século XX en Caldas de Reis

Umia
30 de maio 2025

A mostra busca rescatar a historia do boxeo en Caldas a través dunha serie de imaxes que teñen o poder de deter o tempo, que impactan, emocionan e nos axudan a coñecer mellor o municipio

Farrajús (esquerda) nun combate
Farrajús (esquerda) nun combate / PontevedraViva

Vinte e dous paneis compoñen Doce cordas, unha exposición fotográfica que reflicte a pegada do boxeo en Caldas de Reis nunha etapa comprendida entre os anos corenta e oitenta do século XX. O escenario da mostra é a praza de abastos.

Será inaugurada este sábado 31 de maio, ás 13:00 horas, e estará aberta até o 22 de xuño.

A mostra está organizada pola Asociación Cultural Terra Calda, coa colaboración da Escuela de Boxeo Carlos Padín, o Concello de Caldas, a Asociación da Praza de Abastos e Daguerre Digital.

Na panadería de Pedro Sierra, situada no número 21 da Rúa Real, comezaron a practicar o boxeo varios dos seus fillos, nunha iniciativa que se ía converter nun acontecemento social a partir da década dos 40.

Non existía entón ningún precedente e tampouco ningún adestrador, así que Alejandro Sierra comezou a súa carreira recibindo leccións dun amigo da Estrada, para o que dispuñan dun saco terreiro e unhas luvas.

Un irmán maior, Andrés, fixo o servizo militar na Mariña e tivo a oportunidade aprender.

De volta á casa, transmitiu os coñecementos técnicos adquiridos aos seus irmáns Alejandro, Pedro e Miguel. Despois viñeron José Alonso Álvarez (José Lleno), Joaquín Piñeiro (Farrajús), os irmáns Doval, Barrigán, Couto (El Zurdo), Gándara, Rey, Taboada ou Manolito Blanc.

A maior parte deles pelexaron en Galicia. Caldas de Reis, Vilagarcía, Vigo, Pontevedra, Santiago, A Coruña, Pontecesures ou Marín foron os escenarios dos combates.

Pedro Sierra foi máis alá e competiu como profesional en Madrid, Barcelona, Venezuela e Cuba, despois de quedar campión de España de afeccionados, en 1954.

Foi tamén subcampión nunha velada entre España e Inglaterra, celebrada en Londres, na que tamén participou Joaquín Piñeiro (Farrajús), outro destacado deportista que acadou o Campionato de España de Afeccionados en 1952 e boxeou en París.

Doce cordas persigue rescatar toda esta historia a través dunha serie de imaxes que teñen o poder de deter o tempo, que impactan, emocionan e nos axudan a coñecer mellor o municipio.