Tres días de auténtico boxeo.
Así transcorreu a quinta edición do Open Vila de Marín, un evento que "foi todo un éxito deportivo e de afluencia", aseguran desde a súa organización.
Non é para menos, e é que poucas veces a nivel nacional viuse un evento puxilístico con tanta participación.
En Marín competiron máis de medio milleiro de deportistas de todas as categorías.
É máis, durante os días 1, 2 e 3 de maio disputáronse no pavillón do Colexio San Narciso un total de 375 combates. Case nada. Até 40 combates por día en cada un dos rings.
O equipo vencedor do evento foi o Team Marín de Logroño, que desprazou desde a Rioxa unha quincena de deportistas.

Tamén destacou o Team Thunder local, ao coarse dentro do top-5 de entre os 92 clubs representados na cita.
De feito unha das súas deportistas, Noa Vincelle, foi nomeada como mellor deportista de base feminina, premio que a nivel masculino recaeu en Kimets Martin (MT Boxing de Bilbao).
A nivel elite triunfaron Mar Prieto, do Equilatero de Santiago, e Marcio Cardoso, do Kinguell Academy do Porto.