A segunda edición do Certame de Pintura 'Otero Baena' para artistas noveis xa ten finalistas. O xurado, reunido este martes 10 de xuño no salón de plenos do Concello de Bueu, seleccionou doce obras de entre as 39 propostas recibidas, que conformarán unha exposición conxunta durante a segunda quincena de xullo.
"Celosía circular", "Agosto", "Entre bateas", "Escavación", "Fragmentos de lectura", "Parque tres de febrero", "Mar de chumbo", "Nordés en Udra", "Sen título (tela)", "Vientos nucleares", "Xarrón azul" e "Zapaldu" son os títulos das pezas escollidas para participar na fase final deste certame que busca dar visibilidade aos novos talentos da pintura.
O xurado estivo presidido por Carmen García, concelleira de Cultura, e integrado por destacados profesionais do ámbito artístico: Covadonga López, directora do Museo Massó; Javier Pérez, da Fundación Laxeiro; Agar Ledo, do Museo de Pontevedra; Ignacio Pérez, da Facultade de Belas Artes; e Elena Bangueses, historiadora da arte e galerista bueuesa. Belarmino Barreiro, arquiveiro municipal, actuou como secretario.
Os artistas seleccionados deberán presentar agora as súas obras en formato físico no Concello de Bueu antes do 25 de xuño, ben mediante entrega presencial concertando cita previa a través do correo [email protected], ou mediante envío a través dunha axencia de transporte.
Durante a exposición do 15 ao 31 de xullo, que terá lugar na Sala Amalia Domínguez Búa, organizarase unha gala na que se dará a coñecer o gañador ou gañadora do premio, dotado con 1.500 euros.
Este certame, creado en 2023, cumpre unha dobre función: por unha banda, promover a creación artística entre os novos talentos e, por outra, reivindicar a figura de José Benito Otero Baena, coñecido como "Pepé", un artista local falecido en 2017.
Otero Baena, considerado como o mellor espatulista da arte galega da súa época, chegou a recibir unha bolsa da Deputación de Pontevedra para estudar na Escola de Belas Artes de San Fernando, en Madrid, aínda que as obrigas laborais obrigárono a regresar a Bueu. De formación autodidacta, destacou polas súas paisaxes de gran riqueza cromática.
O Concello de Bueu, en colaboración coa familia do artista, desenvolve diversas iniciativas para difundir o legado deste pintor local que, ademais da súa faceta artística, foi coñecido na vila pola súa traxectoria política e o seu traballo nunha caixa de aforros.