'Carótides e coronarias' é o título da exposición que recolle as obras conxuntas de docentes e alumnado da Facultade de Belas Artes.
Esta mostra é a edición número 12 da proposta 'Afinidades Selectivas', na que un docente forma parella artística cun alumno para presentaren unha creación conxunta. O Diario da Universidade de Vigo (DUVI) explica que o comisario da exposición, Juan Carlos Román, "seleccionou catro docentes, dos e das que coñece o seu traballo artístico e que, atendendo ás directrices da mostra, dispoñen de absoluta liberdade para elixir ao alumnado co que forman parella artística" que quedan conformadas do seguinte xeito: Mar Ramón Soriano e Julia Huete; José Chavete e Rapapawn; Araceli Liste e María Silva; e Suso Fandiño e Ruth Vidal.
"Existe unha particularidade que define tanto aos estudos de Belas Artes como aos e ás que traballamos na facultade, e é que non só se imparte o que se estuda na carreira, senón que todos somos de Belas Artes. Ese ser Belas Artes non é algo que simplemente se pode facer", manifesta Juan Carlos Román en declaracións recollidas por Mª del Carmen Echevarría Figueroa para o DUVI.
O propio nome da mostra 'Carótides e coronarias' incide no proceso e percorrido constante da sangue a través dun grupo de arterias co obxectivo de manter vivos, tanto o corazón, coma o cerebro. Neste sentido, o comisario e tamén docente e investigador da Facultade de Belas Artes explica que se trata dunha "metáfora do proceso vital e formativo que se dá na Facultade de Belas Artes de Pontevedra. O alumnado comprende rapidamente que a Arte non é a aprendizaxe mecánica dunha serie de saberes ou técnicas, senón que a súa tarefa é a xeración de sentido a través de procesos propios e persoais que terán que ser refutados constantemente, ante os seus propios compañeiros e compañeiras, entre as e os docentes e ante a sociedade en xeral".
Desde o xoves 25 de marzo e ata o 9 de maio a Casa Galega da Cultura do Concello de Vigo na praza da Princesa acollerá a décimo segunda edición da mostra nacida na Facultade de Belas Artes de Pontevedra.