Unha reinterpretación de A volta ao mundo en 80 días de Julio Verne. ÿ a primeira proposta do ciclo de teatro infantil Domingos do Principal, que comezará este domingo 11 de xaneiro. A compañía vasca Gorakada Teatro representará en Pontevedra o espectáculo La vuelta al mundo. Será, como vén sendo habitual nesta oferta cultural, en sesión dobre, ás 12.00 e ás 18.30 horas, no Teatro Principal.
Esta montaxe, galardoada con catro premios FETEN en 2013, ofrece aos seus espectadores unha viaxe similar á que propón Phileas Fogg aos membros do Reform Club de Londres, esa alocada aposta de dar a volta ao mundo en 80 días axudado polo seu criado.
Para iso, a compañía desprega música en directo, actores, marionetas e unha escenografía a base de maletas para poder viaxar en ferrocarril, en barco ou en elefante, creando unha fantástica aventura de con bo humor, imaxinación e cancións que trasladará a escena o fascinante percorrido do seu protagonista arredor do mundo.
A obra, que ten unha duración aproximada de 60 minutos, está recomendada para nenos a partir de cinco anos.
As entradas pódense adquirir en www.servinova.com. En caso non esgotarse poderanse adquirir no despacho do Teatro Principal dende dúas horas antes do inicio das respectivas representacións.