Coa finalidade de proporcionar ao público alternativas de lecer, seguras e sen saír da cidade, o Concello de Pontevedra programou de cara ás vacacións de Semana Santa dous espectáculos que contarán co humor como denominador común.
A primeira proposta que chegará o sábado 27 ás 20:00 horas no Teatro Principal da man da compañía belga Okidok, un dos grupos máis sorprendentes e creativos do clown europeo actual. Co espectáculo ‘Slips inside’ o público poderá coñecer os personaxes de Pierrot e Marcel a través das interpretacións e codirección de Xavier Bouvier e Benoît Devos. "Pierrot e Marcel teñen corpos de fantasía, corpos de estrelas. Musculosos, elegantes, hábiles, multifacéticos e moi conscientes de tódalas súas incribles cualidades, lánzanse nunha gran demostración dos seus talentos. E Deus sabe que teñen moitos!", indícase no dossier do espectáculo.
A representación dunha hora de duración combina acrobacias imposibles, a esencia do mimo e a beleza da danza con grandes doses de humor.
As entradas están xa a venda online en Ataquilla.com a un prezo de 12 euros máis gastos de xestión, 10 euros no caso de Carné Xove, desempregados e maiores de 65 anos. E na billeteira física do Principal, de non esgotarse, dende dúas horas antes do inicio da función.
A segunda proposta teatral que chega ao escenario do Principal contará con dous pases, o mércores 31 de marzo e o xoves 1 de abril, ambos ás 20:00 horas coa obra ‘32 m2’ da compañía ButacaZero.
Creado e dirixido por Xavier Castiñeira e Esther F. Carrodeguas, o espectáculo inspírase no confinamento que vivimos e conta no seu elenco co pontevedrés Xurxo Cortázar e Nuria Gullón, así como a música de Rodrigo Cuevas.
A trama está protagonizada por Xan e Mar, que viven tranquilamente a súa vida antisistema no seu pequeno piso de 32m2. Mar traballa todo o día fóra da casa e Xan limpa, cociña, frega, vai ao supermercado, e, de tanto en tanto, le o seu xornal favorito: un de 2003. Pero un día, o mundo esmendréllase. Xan fica atrancado na claraboia e no supermercado non hai papel hixiénico. A xente di que é todo culpa dun Virus. Resulta todo tan raro que non lles queda máis remedio que poñer a tele, agochada quen sabe onde dende quen sabe cando. Nada máis prendela, o Presidente dá unha nova inclasificable: está prohibido ir a traballar. Mar non dá creto. Así arranca esta peza de teatro que os seus creadores cualifican como "do absurdo", en paralelo a todas as situacións que vive esta parella tras ser decretado o Estado de Alarma.
'32m2' é un enredo co que todo o público se poderá sentir identificado, pois "todos mercamos un chisco máis de papel hixiénico do habitual , todas aplaudimos puntuais ás 20 horas, e finalmente acabamos por descubrir a merda que tiñamos debaixo das propias alfombras", apuntan desde a dirección.
As entradas están xa a venda online en Ataquilla.com a un prezo único de 12 euros máis gastos de xestión. E na billeteira física do Principal, de non esgotarse, dende dúas horas antes do inicio da representación.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.