Dobre función de '32m2', traxicomedia sobre o confinamento, na Semana Santa pontevedresa

Pontevedra
22 de marzo 2021

Nuria Gullón e Xurxo Cortázar son protagonistas desta peza de teatro absurdo sobre o encerro da pasada primavera a raíz da pandemia da covid-19. O Teatro Principal acollerá os vindeiros mércores 31 de marzo e o xoves 1 de abril esta actuación da plataforma creativa ButacaZero dirixida por Xavier Castiñeira e Esther F. Carrodeguas

Ensaio final de '32m2', traxicomedia sobre o confinamento
Ensaio final de '32m2', traxicomedia sobre o confinamento / ButacaZero | Serxo Gonzalez

O Teatro Principal de Pontevedra acollerá os vindeiros mércores 31 de marzo e o xoves 1 de abril, en Semana Santa, unha dobre función de 32m2, unha traxicomedia sobre o confinamento da  plataforma creativa ButacaZero dirixida por Xavier Castiñeira e Esther F. Carrodeguas,. 

Nuria Gullón e Xurxo Cortázar son protagonistas desta peza de teatro absurdo sobre o encerro da pasada primavera a raíz da pandemia da covid-19.

O proxecto de Esther F. Carrodeguas e de Xavier Castiñeira propón unha viaxe cara un pasado recente "á fin de provocar unha catarse colectiva ante un acontecemento que marcou, e marcará, a vida da sociedade".

A través de elementos cómicos e tráxicos, 32m2 pon o foco sobre a convivencia da sociedade coa precariedade e as desigualdades na súa vida cotiá a través da mirada de Mar e Xan, unha parella que se considera 'antisistema' e que habita con tranquilidade nun pequeno piso dunha superficie de 32 metros cadrados ata que, de súpeto, un día confinan a toda a poboación.

Cuestións como a soidade, o abandono, as complexidades das relacións interpersoais ou o estrés e os ritmos frenéticos impostos na 'vella normalidade' serán algúns dos temas que se visualizarán nesta peza.

O espectáculo, que conta cunha banda sonora orixinal creada polo músico e axitador folclórico Rodrigo Cuevas, nace coa vontade de ofrecer unha ollada singular, reflexiva e 'sandadora' ante o confinamento.

Esther Carrodeguas e Xavier Castiñeira consideran que "todo o mundo se poderá sentir identificado coa obra", pois "todos mercamos un chisco máis de papel hixiénico do habitual, todas aplaudimos puntuais ás 20 horas, e finalmente acabamos por descubrir a merda que tiñamos debaixo das propias alfombras".

Con esta peza, propoñen botar unha ollada a unha situación que marcou a vida de toda a sociedade e que a poboación poida recoñecerse en situacións absurdas que "permitan comezar a curar as feridas e render homenaxe a quen marchou ou quen deixou o mellor de si mesmos nesta distopía".

A actuación está prevista, nas dúas xornadas, para as 20.00 horas.