Dous premios nacionais, Ismael Ramos -Premio Nacional de Poesía Xove 2022- e Ana Garralón -Premio Nacional de Fomento da Lectura-, serán dous dos referentes do quinto Congreso de Mediación Lectora que se celebrará no marco da nova edición do Salón do Libro.
O congreso, que recuperará o seu formato prepandemia, celebrarase os días 20 e 27 de abril e 4 de maio, segundo avanzaron este martes os seus organizadores, no salón de actos do Pazo da Cultura e que contará con Colombia como país convidado.
Será cunha programación "moi variada e diversa", segundo a edil de Cultura, Carmen Fouces, que destaca que este evento achégase á medicación lectora "desde moitas perspectivas" como son o videoxogo, a radio, o teatro, a arte, a narración oral, a poesía ou a ilustración.
Entre os relatorios iniciais, Ismael Ramos aludirá aos seus comezos no terreo poético desde o xogo coas palabras e Ana Garralón aproximarase á visión da literatura como xogo.
A capacidade transformadora da lectura virá da man do colombiano Diego Alejandro Ruíz, mentres que Paco Veiga e Manuela Vázquez disertarán sobre os xogos nos libros desde a perspectiva da identidade e do patrimonio lúdico.
Todas as súas achegas complementaranse coa intervención en liña de Francesco Tonucci, que incidirá na pertinencia e valorización do xogo.
Pola súa banda, os obradoiros permitirán explorar as relacións entre o xogo, a palabra literaria e os diferentes soportes, da man de Diego Alejandro, da tamén colombina Carolina Rueda e de Raquel Queizás.
Na ensamblaxe entre a imaxe, a creatividade e o xogo internaranse Iván R., Itziar Ezquieta e Begoña Paz; Esther Carrodeguas explorará a expresión teatral como xogo, Hematocrítico somerxerase na escrita divertida e Ana Garralón, na lectura dos libros informativos.
O tratamento doutras linguaxes e soportes será abordado por Rede Espora, quen se centrará na radio e podcasting para a mediación lectora; e por Silvia López, quen convidará a indagar nas posibilidades dos videoxogos nas aulas.
A pretendida e tan necesaria inclusión será o punto de referencia de Manuela Vázquez, ao abeiro dos xogos nos patios inclusivos e de Sonia Hermida, quen se deterá na literatura infantil e xogo.
As inscricións, ata un máximo de cen prazas, poderán facerse a partir do mércores 29 de marzo, ás 12:30 da mañá en www.salondolibro.gal para público en xeral e para o profesorado en activo na plataforma ‘fprofe’ co código P2214002.