Este é o programa completo do Salón do Libro

Pontevedra
13 de abril 2023

Este ano ten como título: "Libros para xogar", un tema que xa anuncia que "o Salón vai dar moito xogo" nesta nova convocatoria que, sendo especialmente lúdica, non perderá a perspectiva de que o libro e a lectura son o cerne de todas as actividades. 

Orbil e Fouces presentan a programación do Salón do Libro
Orbil e Fouces presentan a programación do Salón do Libro / Mónica Patxot

A concelleira de Cultura, Carme Fouces, presentou este xoves a programación do Salón do Libro xunto a Orbil (DESCARGA O PROGRAMA DO SALÓN DO LIBRO).

Este ano ten como título: "Libros para xogar", un tema que xa anuncia que "o Salón vai dar moito xogo" nesta nova convocatoria que, sendo especialmente lúdica, non perderá a perspectiva de que o libro e a lectura son o cerne de todas as actividades. 

Serán máis de 300 actividades tanto para o público familiar coma para o escolar, no Pazo da Cultura, na cidade e nas parroquias: teatro, música, danza, poesía, narración de contos, sinaturas de libros, obradoiros de escrita, andainas, faladoiros, encontros lectores, entre outras propostas. 

Ademáis, o Salón celebrará o Día do Libro cunha programación especial e "cunha troca de libros para darmos nova vida a esas lecturas que temos adormecidas na casa". 

Tamén fará que a ponte do 1 de maio sexa, para as familias, un tempo de lecer, de contos e de xogos na cidade. 

Mesmo haberá videoxogos xunto aos xogos tradicionais galegos, e a Rede de Escolas Asociadas da Unesco achegará xogos, libros, poesía e contos do país convidado este ano no Salón: Colombia.

O Salón rende homenaxe nesta ocasión a quen iniciou o camiño da Literatura Infantil e Xuvenil Galega: Manuel Lourenzo González, escritor ben coñecido e recoñecido, docente, activista cultural e director do Salón nos seus inicios. 

E tamén homenaxea a unha das primeiras mulleres ilustradoras en Galicia, María Fe Quesada, que parte do grupo inicial de creadores plásticos que se puxeron a ilustrar libros en galego nos anos 80. 

Carmen Fouces, e tamén Orbil, animou a gozar dos xogos e das actividades e tamén dos 4.000 libros das distintas bibliotecas do Salón, en especial na Cova dos Libros Fantásticos; unha iniciativa lectora que "veu para quedar" e coa que poderase gozar dun petisco do Salón todo o ano. 

Convén lembrar que para algunhas actividades de balde como os obradoiros e algunhas destinadas a bebés, haberá prazas que se poden reservar previamente a través da web do Salón dende este mesmo mércores. As actividades terán prazas dispoñibles que se poderán reservar o propio día do evento achegándose 5 ou 10 minutos antes do comezo ao espazo onde se celebre.

Para outras actividades como os obradoiros de luns a xoves ou as sesións de contos na Biblioteca e o Recinto Feiral non é necesaria a inscrición previa. Haberá prazas dispoñibles por orde de chegada e ata completar a capacidade do espazo.