Un ano levaban os máis pequenos da casa agardando por este momento. As portas do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra volven estar abertas de par en par. Así quedarán ata o próximo 7 de maio, data ata a que se desenvolverán máis de trescentas actividades.
"Xogar é unha cousa moi seria e nesta edición o Salón do Libro vai dar máis xogo que nunca", destacou o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, na inauguración dunha edición dedicada aos "Libros para xogar" e que conta con Colombia como país invitado.
Na súa intervención, Fernández Lores salientou a importancia do xogo como "motor de desenvolvemento completo" para os nenos e para toda a sociedade.
A través del, dixo, "aprendemos a relacionarnos, a vivir en comunicade e a seguir unhas normas, pero tamén a sermos libres, a desenvolvermos a imaxinación e a fantasía e a crearmos outros mundos posibles".
María Lado e Lucía Aldao foron as encargadas de conducir a gala que tivo como fío condutor a festa de aniversario de Orbil, a mascota do Salón do Libro.
Como boa festa, non faltaron os agasallos que viñeron en forma de música, cancións e bailes da man da Chouque Big Band, o coro da Xunqueira con pezas como Ta na solbici, O Xogo da carrasquiña ou Para la guerra nada, e a Escola de Danza do Ballet de Galicia.
Cara o final do espectáculo tiveron lugar as intervencións da delegación chegada de Colombia.
Así. Diego Alejandro Ruiz que recitou Hechizo para deshechizarse de Irene Vasco e Carolina Rueda o conto tradicional El niño y el sabio.
Ao remate do acto tivo lugar a tradicional apertura de portas do Salón, que incluíu unha visita libre na que autoridades, pequenos e familias puideron gozar da ambientación e os libros que nos van acompañar ao longo das tres próximas semanas.