A banda canaria Efecto Pasillo ofreceu onte á noite o seu esperado concerto en Raxó. A actuación formaba parte da programación da Festa do Mar, que durante estes días trasladou todas as súas actividades a esta parroquia.
O público, que esgotara as entradas dispoñibles desde hai días, vibrou cos grandes éxitos do grupo, que actuou nas inmediacións do centro cultural Xaime Illa.
Efecto Pasillo chegaba a Poio no marco da súa xira conmemorativa dos seus dez anos sobre o escenario, unha traxectoria que lles confirma como unha das bandas máis sólidas do panorama musical nacional.
A Festa do Mar continuará este venres, a partir das 19:30 horas, cun pasacalles a cargo de Vides Novas, mentres que o porto acollerá ás 20.00 horas un espectáculo de clown. Ás 22.00 horas, haberá un concerto da orquestra La Ocaband.
Xa o sábado 28 a Escola de Música Tradicional de Poio volverá percorrer as rúas de Raxó coas súas pezas musicais (12.00 horas) e pola tarde haberá unha navegación tradicional pola ría (17.00 horas), antes de que Os Queimatasas realicen un pasacalles e o porto acolla o espectáculo música infantil Martiña Soñadora.
A charanga Europa será a encargada, ás 21.00 horas, de pechar o programa festivo.