El Náutico do Grove quere "decrecer" e aposta por bandas residentes, espontaneidade e sorpresas para este verán

O Salnés
11 de xuño 2020

Miguel de la Cierva, propietario deste local situado na beira da praia da Barrosa, en San Vicente do Mar, e que se convertiu en referencia da música en directo, anuncia o remate dunha etapa e un cambio conceptual para este verán de 2020

Concerto de Iván Ferreiro e Leiva en El Náutico de San Vicente do Mar
Concerto de Iván Ferreiro e Leiva en El Náutico de San Vicente do Mar / Tania Moreda

Miguel de la Cierva, propietario de El Náutico do Grove, decidiu cambiar a dinámica dos últimos anos en que o seu establecemento situado na beira da praia da  Barrosa converteuse en referente da música en directo dentro da península Ibérica con presenza de milleiros de persoas durante o verán que queren ver actuacións de artistas como Coque Malla, Vetusta Morla, Leiva ou Iván Ferreiro, por citar algúns dos incondicionais deste local.

"Aquela etapa rematou", afirma De la Cierva, "agora o que toca é empezar de cero un novo Náutico porque o outro xa creceu ata o límite e douno por acabado", así de contundente fala o empresario pontevedrés que anuncia un verán cunha nova filosofía para o seu local. 

O factor sorpresa será un dos elementos fundamentais a partir dagora. Desta forma, indica que se combinará o modelo de concertos anunciados cos recitais sorpresa. Este verán pasarán músicos e grupos habituais dos carteis dos últimos anos polo escenario de El Náutico en San Vicente do Mar, pero tamén se dará oportunidade a bandas residentes e grupos emerxentes da escena local. 

Miguel de la Cierva indica que "por suposto que van estar algúns deses grandes nomes que outros anos congregaron a moitos centos de persoas pero o que non sabemos é en cal dos formatos actuarán. Poida que sexa un concerto anunciado ou que de súpeto toquen ás cinco da tarde para a xente que estea na terraza". 

En todo caso, aclara que todos os concertos realizaranse con aforo limitado e co público sentado, mantendo as distancias de seguridade e todas aqueles protocolos establecidos polas autoridades sanitarias. De la Cierva asegura que este cambio non é como consecuencia da pandemia da Covid-19 senón que é unha decisión que o empresario levaba anosestudandoe e decidiu establecer un "decrecemento" para poñer en valor aquelas características que "fan do Náutico un lugar especial" co máximo respecto aos artistas e á música a través da espontaneidade e a improvisación.

"Non me interesa que os músicos veñan aquí a mecanografar o que teñen aprendido, a soltar o mesmo discurso que en calquera outro lugar" afirma o propietario, "tocar en El Náutico ten que ser outra cousa. Pretendo converter en leit motiv aquilo que dicía Leiva de que El Náutico lle achegaba o vivir a música dunha forma non mecanizada, de soltarse as correas e os corpiños, de tocar por pura vocación".

Estuda comezar o calendario de actuacións o 22 de xuño con algún concerto sorpresa pero De la Cierva non descarta atrasar a actividade unhas semanas máis porque recoñece que non quere volver organizar 64 concertos nun mes.

A presenza de El Náutico en prensa, radio e televisión durante 2018 e 2019 ascende a un valor de 1,5 millóns de euros, segundo a empresa Kantar Media, que avalía a repercusión dos negocios en medios de comunicación. E o alcance das noticias xeradas polo Náutico chegou a 83 millóns de persoas durante eses dous anos, segundo o mesmo estudo. Só dous macrofestivais internacionais en Galicia, Resurrection e O Son do Camiño, superan en número de seguidores nas redes sociais ao establecemento grovense, que agora inicia unha nova etapa máis afastada do "show business" que acompaña a moitos artistas.