Dous concertos diarios. Unha primeira sesión ás 13.30 horas e outra ás 20.00 horas. É o ritmo de programación musical que El Náutico de San Vicente está a ofrecer desde o pasado xullo e que manterá igual ata que conclúa agosto.
Con esa oferta cultural, o seu xerente Miguel de la Cierva define así o seu establecemento: “este verán non hai festivais, non hai xiras, apenas hai en concertos nas salas… El Náutico é un auténtico oasis para a música e para os músicos, ademais de un nicho de traballo nestes tempos tan difíciles”.
Na maioría dos casos, non se anuncia o grupo ou artista de cada concerto e as entradas saen á venda indicando día e hora; con iso "estamos a esgotar a maioría. É un patrón que veu para quedar". Dada a conxuntura sanitaria, o aforo está reducido ao 25%, o público está sentado, con distancia de seguridade entre as mesas e a obrigación de levar a máscara posta en todo momento.
Outro dos proxectos que viu luz este verán é a residencia de artistas. Unha casa rehabilitada na que se instalan músicos que actúan no Náutico e cuxa idea é que "se converta nun punto de encontro e de convivencia para os músicos. Un lugar e un espazo no que poidan xurdir e desenvolverse todo tipo de iniciativas
creativas” durante todo o ano.