Empezamos a contar os días para o Salón do Libro!

02 de decembro 2017

Orbil paseouse este sábado polo recinto feiral con motivo do Culturgal, que, desde hai anos, serve tamén de presentación dos avances da programación do Salón do Libro. Este ano, ademais, a cita cultural serviu para empezar a pasar as follas dun calendario moi especial

Presentación do Salón do Libro no Culturgal
Presentación do Salón do Libro no Culturgal / Pazo da Cultura

Orbil, a famosa mascota do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, paseouse este sábado polo recinto feiral con motivo do Culturgal, a Feira das Industrias Culturais de Galicia que, desde hai anos, serve tamén de presentación dos avances da programación do Salón. Este ano, ademais, a cita cultural serviu para empezar a pasar as follas do calendario ata a celebración do Salón entre os días 6 e 29 de abril de 2018.

O calendario tamén corre da conta do Salón, pois este ano a colaboración coa Deputación Provincial de Pontevedra permitiu editar un almanaque específico coas 11 ilustracións finalistas e a gañadora do certame internacional convocado para  deseñar o cartel da edición 2018. Os exemplares xa están na rúa, precisamente, desde esta fin de semana, pois empezaron a repartirse no Culturgal. 

A conta atrás comezou cunha presentación oficial do Salón a cargo da concelleira de Cultura de Ponteveda, Carmen Fouces, e do deputado provincial do ramo, Xosé Leal. A coordinadora do Salón, Eva Mejuto, e a gañadora do concurso e autora do cartaz da próxima edición, Ana Villegas, tamén particparon na presentación, esta última para recoller o cheque co premio. 

A programación concreta da vindeira edición é aínda un segredo, pero Carme Fouces e Eva Mejuto prometeron un programa "ambicioso e suxerente para atraer tanto a público infantil coma mozo". Tan suxerente como o almanaque, que amosa as datas máis importantes da literatura infantil e xuvenil.

O Salón 2018 levará por lema 'Mulleres de Conto'. Fouces manifestou a ledicia de que entre os temas que se lle propuxeron aos centros colaboradores do Salón, fora este o que gañou por unanimidade. Ademais, agradeceu o traballo realizado  polos seus predecesores no proxecto, pois esta será a súa primera edición como responsable de Cultura, e recordou que este ano é o da internacionalización.

Esta internacionalización levouse a cabo por dúas vías: a convocatoria do certame internacional para escoller o cartaz e a colaboración con México, que "é unha potencia cultural de primeira magnitude que conta cunha grande estructura de consumo da lectura e é tamén a plataforma latino-americana para lanzar cultura ao resto do continente".

Ana Villegas explicou que tivo "moi clara dende o principio a idea" para o cartaz. "Quixen facer unha homenaxe a mulleres que me inspiraran, non só ás escritoras, senón ás mulleres anónimas, lectoras e ás avoas que contan contos", indicou.