Un concerto no que se fusionarán diferentes músicas internacionais servirá para inaugurar o ciclo "En clave de outono", que como cada ano abre a tempada da Banda de Música de Pontevedra. Baixo a batuta de David Fiuza, o director invitado para esta ocasión, esta primeira actuación terá lugar este xoves 2 de outubro, ás 21.00 horas, no Teatro Principal de Pontevedra.
Será o primeiro dos seis concertos que integran este ciclo, presentado este martes no Concello de Pontevedra xunto coa quinta edición de Concertos en familia.
E é que dous dos concertos deste proxecto da BMP forman parte deste ciclo de música clásica para nenos. Trátase de Pedro e o lobo, que se representará o 23 de novembro; e unha nova versión de O Crebanoces, que interpretarán o 21 de decembro. Ambos os dous serán ás 18.30 horas no Teatro Principal.
Neste ciclo de outuno, a Banda de Música de Pontevedra ofrecerá tamén o espectáculo Esencia europea (23 de outubro ás 21.00 horas, Teatro Principal); e unha zarzuela (13 de novembro ás 21.00 horas, Teatro Principal), na que a formación pontevedresa estará acompañada do coro Gli Appasionatti e da mezzosoprano Nuria Lorenzo.
Por último, o 13 de decembro no Pazo da Cultura (20.00 horas), celebrarase un concerto moi especial para a BMP, segundo unha dos seus membros, Ana Franqueira. Será unha actuación en compañía coa Banda Municipal de Santiago de Compostela, "una das formacións de maior calidade" de toda España. Nela, o concepto de innovación que preside todo este ciclo estará moi presente.