O Ensemble Groba achega ao Grove unha viaxe polo patrimonio musical galego

O Salnés
25 de xullo 2026

O concerto permitirá ao público descubrir un repertorio que combina algunhas das obras máis representativas de Rogelio Groba con pezas doutros compositores históricos do país

Ensemble Groba
Ensemble Groba

O Auditorio do Grove acollerá este sábado, ás 21.00 horas, a actuación de Ensemble Groba, unha formación creada para divulgar o legado do compositor Rogelio Groba e dar visibilidade á música clásica galega.

O concerto permitirá ao público descubrir un repertorio que combina algunhas das obras máis representativas do músico ponteareán con pezas doutros compositores históricos do país.

O proxecto botou a andar en 2022 coa intención de levar a música de Rogelio Groba a escenarios de dentro e fóra de Galicia.

Desde entón, a formación participou en concertos en diferentes puntos do Estado e tamén no estranxeiro, sempre coa vontade de reivindicar o patrimonio musical galego.

Ensemble Groba está integrado por músicos galegos formados tanto en conservatorios da comunidade como en centros europeos.

A súa base é un conxunto de corda ao que, segundo o programa, poden sumarse instrumentos de vento madeira, vento metal e voces.

O resultado é un repertorio no que, ademais das composicións de Rogelio Groba, teñen cabida autores fundamentais da música galega como Juan Montes e Andrés Gaos.

A cita do Grove forma parte da programación de +Música, un ciclo que ao longo deste ano levará 93 concertos a 58 concellos pontevedreses.

A iniciativa busca reforzar a oferta cultural dos municipios e facilitar que propostas musicais de distintos estilos cheguen a escenarios repartidos por toda a provincia.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora