O Parque da Natureza do río Barosa, en Barro, acollerá este sábado, 25 de xullo, a actuación de Xosé Lois Romero e Aliboria.
O concerto, previsto para as 20.30 horas e con entrada libre, ofrecerá ao público unha proposta que combina a tradición musical galega con sons e linguaxes contemporáneas.
Considerados un dos proxectos máis innovadores da música de raíz en Galicia, Xosé Lois Romero e Aliboria construíron unha identidade propia a partir da recuperación do canto tradicional feminino e da percusión popular, elementos que mesturan con influencias da música de vangarda para crear un son persoal e recoñecible.
En Barro presentarán Latexo, un espectáculo no que o compoñente ritual e tribal convive cunha revisión actual da música folk galega.
A proposta afonda nas raíces da tradición oral e musical do país, pero faino cunha posta en escena contemporánea e unha sonoridade que transcende os formatos máis clásicos do xénero.
A cita forma parte da programación de +Música, un ciclo que levará ao longo deste ano 93 actuacións a 58 concellos pontevedreses de menos de 50.000 habitantes.
O obxectivo da iniciativa é facilitar que municipios de toda a provincia poidan incorporar concertos e espectáculos á súa oferta cultural, achegando a música en directo a públicos de diferentes comarcas.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.