A escritura presencial marcará a nova edición de 'Ben veñas, Maio!'

Pontevedra
30 de abril 2026

O certame chega con novidades, entre as que destaca a súa apertura a todo o alumnado de Pontevedra, así como a escritura presencial nas modalidades de poesía e narración breve

Participantes no certame "Ben Veñas, Maio"
Participantes no certame "Ben Veñas, Maio" / Concello de Pontevedra

O certame 'Ben veñas, Maio!' regresa un ano máis a Pontevedra con grandes novidades, pero mantendo o seu obxectivo de fomentar a creación en galego entre o alumnado.

A iniciativa foi presentada polo concelleiro de Normalización Lingüística, Demetrio Gómez, e o profesor do IES A Xunqueira II e responsable dos equipos de normalización lingüística nesta edición, Manuel Xiráldez.

Presentación de Ben Veñas Maio 2026
Presentación de Ben Veñas Maio 2026Concello de Pontevedra

Durante a presentación, o edil quixo destacar a capacidade da organización para "adaptarse aos novos tempos e seguir interesando aos mozos pola creación en galego", así como "ofrecerlles un espazo de socialización nesta lingua".

Entre as principais novidades desta edición, Manuel Xiráldez subliñou a apertura do certame a todo o alumnado de Pontevedra, incluíndo estudantes de Bacharelato, ESO, e ciclos formativos de centros públicos, concertados e privados.

Tamén se modifica o sistema de participación nas modalidades de poesía e narración breve, que pasarán a realizarse mediante probas de escritura presencial nos centros educativos ao detectarse uso de Intelixencia Artificial nalgúns escritos da edición pasada.

O alumnado que queira participar nestas modalidades disporán de dúas horas para elaborar os textos na aula e deberán incluír referencias á obra de Begoña Caamaño, autora homenaxeada este ano nas Letras Galegas.

O prazo para completar estas probas finaliza o 12 de maio.

Outra das novidades é a transformación do certame musical nunha mostra que se celebrará o día da gala (30 de maio ás 18:30 horas no salón de actos do Pazo da Cultura), onde solistas e grupos poderán presentar as súas propostas en directo.

Pola contra, desaparece a categoría de reels e curtos debido á escasa participación rexistrada o ano pasado.

Mantéñense as categorías de fotografía, banda deseñada, narración curta e poesía, así como o orzamento dos premios, que se destinarán a material de papelería e libros en comercios locais.

O xurado estará composto por persoal de dinamización lingüística de Pontevedra.

As bases do certame e o enlace de inscrición para a mostra musical pode atoparse nesta web.