A creatividade e a memoria histórica conflúen na curtametraxe 'O mar non esquece', unha obra audiovisual que lle valeu a Sara Pérez Outeda, estudante de 1º de Bacharelato no IES Torrente Ballester, o primeiro premio no certame de Normalización Lingüística "Ben Veñas, Maio!" do Concello de Pontevedra.
A autora, veciña de Paredes e con só 16 anos, aborda con delicadeza e madurez un episodio da represión franquista, a través da historia dunha moza que, ao rebuscar nos recordos da súa avoa, descobre a desaparición da súa tía avoa, vítima da ditadura por practicar medicina alternativa.
Sara ideou, guionizou, produciu e gravou a curta de cinco minutos, cun equipo técnico tan humilde como entusiasta: contou coa colaboración da súa amiga Alma Gallego, que lle prestou cámara e portátil para a edición, e coa participación dunha familiar no papel da avoa.
A gravación tivo lugar na Granxa das Salinas, un espazo que a autora escolleu polo seu valor simbólico: "As ruínas representan como a memoria pode deteriorarse, pero nunca desaparecer por completo. Sempre quedan pegadas, anacos que podemos rescatar".
A curta destaca pola súa autenticidade visual, afastada da perfección técnica, pero profundamente honesta e emotiva, algo que sen dúbida contribuíu a conquistar ao xurado. "Quería contar unha historia auténtica, que falara de nós, de Galicia", confesa Sara, quen recoñece sentirse "con forzas e ganas" de orientar o seu futuro profesional cara ao mundo da comunicación audiovisual.
A súa profesora de Lingua Galega foi quen a animou a presentarse ao certame, sen saber que estaba a sementar unha paixón que hoxe medra con forza no corazón desta nova creadora. A curtametraxe é tamén un exemplo de como a educación, a lingua e a memoria poden confluír para dar voz ás novas xeracións e facer visible o pasado desde o presente.
Entre agradecementos, Sara destaca o apoio da súa familia, que define como "alicerces fundamentais" no seu camiño.