Espectáculos musicais, títeres e contacontos difunden as Letras Galegas en Vilaboa

Vilaboa
15 de maio 2024

A programación diaria está orientada ao público infantil e todas as actividades, de carácter gratuíto, van celebrarse na Casa de Cultura de Riomaior. Este mércores está prevista a recreación para títeres de Alicía no País das Marabillas

Contacontos en Vilaboa na Semana das Letras Galegas Concello de Vilaboa

Con motivo do Día das Letras Galegas que se celebra este venres 17 e que está dedicado á escritora Luisa Villalta, o Concello de Vilaboa establece unha programación local para potenciar o uso da lingua galega na vila.

A través da Rede de Bibliotecas de Galicia e dentro do programa local Reactiva Vilaboa están a desenvolverse actividades gratuítas na Casa da Cultura de Riomaior destinadas a público infantil, que comezou cunha sesión de contacontos.

Este mércores está prevista unha actuación de títeres, destinada a escolares de máis de catro anos. A función recrea a historia de Alicia no País das Marabillas, de Lewis Carroll, con todos os personaxes característicos da gran obra narrativa como o coello branco, a lebre de marzo, o sombreireiro tolo ou a Raíña de Corazóns. Comezará ás 18.00 horas con entrada libre.

Durante o xoves 16, ás 18.30 horas, a Casa da Cultura de Riomaior acollerá a Bibliocanta, unha proposta na que o público infantil terá a oportunidade de cantar pezas tradicionais galegas e aprender ditos, recitados e retrousos.

O venres 17 de maio haberá unha sesión con 'Leo e a música' no mesmo espazo, a partir das 12.00 horas. Este espectáculo amosa a vida de Leo, o león máis singular da selva, que solicitará a colaboración da cativada para descubrir elementos sonoros.

Xa o martes 21 de maio continuará a programación cunha nova sesión do Salinas Club de Lectura, ás 20.00 horas, na BiblioCRA de Vilaboa. Vai analizarse a obra 'O mar que nos leva', de Moncha Fuentes.