Cunha gran festa. Así se celebrou este sábado o Día do Orgullo na Boa Vila.
Era o colofón a un mes de actividades en Pontevedra centradas na memoria e na loita dos dereitos LGTBIQ+.
O Parque das Palmeiras era escenario durante toda a xornada da Festa do Orgullo PTV+, a guinda á programación deseñada durante o mes de xuño por parte da concellaría de Igualdade, o colectivo Avante LGTB+ e Arelas (Asociación de familias de menores e mocidade Trans de Galicia).
Un sábado con até 12 horas de celebración con protagonismo tamén para a música.

A festa abríase ás 13.00 horas coa actuación do grupo Happy Singers e o seu espectáculo Mamma mía!, seguido dunha sesión vermú conducida pola formación musical Projecto Mourente e unha comida popular e diversa no propio parque.
Xa pola tarde Duendeneta Dilleis amenizaba as horas previas á manifestación do Orgullo.
Tras a reivindicación, a actividade regresou ás Palmeiras cun Drag Show protagonizado por Kelly Amethyst e Escarlatina Pier, o concerto do grupo Montedapena e as sesións de Señora DJ e de Gorllitox, con peche previsto ás 2.00 horas da madrugada.
Durante todo o día a Festa do Orgullo PTV+ contou cun Punto Arco Iris e un posto informativo xestionado por Avante LGBT+ e Arelas.
