A Concellería de Igualdade do Concello de Pontevedra, en colaboración co programa municipal Pinto e Maragota, o colectivo Avante LGTB+ e Arelas (Asociación de familias de menores e mocidade Trans de Galicia), ultima os preparativos para o peche do mes do Orgullo LGTBIQ+.
As actividades centrais desenvolveranse este sábado, 27 de xuño de 2026, mediante unha xornada que estenderá a súa programación desde o mediodía ata a madrugada, combinando espectáculos musicais cunha manifestación polas rúas da cidade.
Este evento pon o punto final a un calendario de propostas culturais, lúdicas e formativas que se iniciou o xoves 4 de xuño.
Aquela xornada de apertura estivo marcada pola colocación da instalación urbana denominada Orgullo PTV+ na balconada da casa consistorial, unha iniciativa deseñada para recoñecer publicamente a traxectoria das persoas que traballaron polos dereitos civís e a liberdade afectivo-sexual do colectivo.
O parque das Palmeiras será o espazo principal das actividades.. A programación comezará pasado o mediodía cunha actuación musical:
-
13:00 horas: Apertura da xornada coa actuación do grupo Happy Singers e o seu espectáculo Mamma mía!.
-
13:30 horas: Sesión vermú conducida pola formación musical Projecto Mourente.
-
A partir das 14:30 horas: Xantar popular e diverso no propio recinto do parque, ambientado con música petarda.
-
16:00 horas: Continuación da xornada de tarde coa intervención musical de Duendeneta Dilleis.
Tras o paréntese reservado para a marcha reivindicativa, a actividade cultural regresará ás Palmeiras a partir das 21:00 horas co desenvolvemento dun Drag Show protagonizado por Kelly Amethyst e Escarlatina Pier.
A noite continuará co concerto do grupo Montedapena ás 22:00 horas, seguido polas sesións de Señora DJ ás 23:00 horas e de Gorllitox ás 00:30 horas, ata alcanzar o peche definitivo previsto para as 02:00 horas da madrugada.
Ademais da axenda de concertos, o recinto público disporá durante todo o día do denominado Punto Arco Iris. Trátase dun posto de asesoramento e divulgación atendido por integrantes de Avante LGTBI+ Pontevedra e da asociación Arelas, onde se facilitará material informativo á veciñanza sobre diversidade sexual e de xénero.
MANIFESTACIÓN REIVINDICATIVA
O eixe central da xornada institucional terá lugar ás 20:00 horas co inicio da manifestación do Orgullo 2026. O punto de encontro e saída situarase na praza de España, lugar ao que retornará a comitiva tras completar o seu percorrido polo centro da cidade.

Unha vez de volta na praza, realizarase a lectura do Manifesto do Orgullo, un texto que se difundirá de xeito simultáneo en lingua de signos para garantir a accesibilidade de todas as persoas asistentes.
A organización determinou que o lema oficial da marcha sexa "Con Franco NON viviamos mellor". A intención dos promotores é convidar á reflexión colectiva ante as correntes de opinión que idealizan o pasado histórico ou que descoñecen as condicións legais durante a ditadura franquista.
A argumentación do manifesto lembra de forma explícita que o réxime franquista articulou mecanismos de represión estatal contra as minorías sexuais.
Entre as medidas citadas atópase a modificación no ano 1954 de la Lei de Vagos e Maleantes, disposición xurídica que facultaba ás autoridades para decretar o ingreso en prisión ou en centros de internamento de persoas homosexuais sen necesidade de que cometesen un delito.
Do mesmo xeito, o texto lembra que esta norma foi substituída en 1970 pola Lei de Perigrosidade e Rehabilitación Social, un marco legal que amparou o internamento forzoso en institucións psiquiátricas e a aplicación das denominadas terapias de conversión.