'As esquinas', de Miguel Calvo Marques, gaña o premio literario "único" Pinto e Maragota

Pontevedra
22 de outubro 2025
Actualizado: 18:20

O Concello e Edicións Xerais defenden que as obras literarias son un "xeito excepcional" de achegarse a realidades moitas veces silenciadas e dar visibilidade á diversidade afectivo-sexual

Miguel Calvo Marques, gañador do V Premio Pinto e Maragota
Miguel Calvo Marques, gañador do V Premio Pinto e Maragota / Cristina Saiz

Miguel Calvo Marques, orientador no equipo de orientación específico de Pontevedra, na especialidade de trastornos de conducta, e integrante da Rede Educativa Apoio de Galicia LGBTIQ+, é o gañador da quinta edición do Premio literario Pinto e Maragota.

Concedido polo Concello de Pontevedra, en colaboración con Edicións Xerais de Galicia, este premio parte da base de que a literatura e as obras literarias son un "xeito excepcional" de achegarse a realidades moitas veces silenciadas e dar visibilidade á diversidade afectivo-sexual.

Calvo Marques gañou coa obra As Esquinas, na que traballou "tres ou catro anos", coincidindo cun "proceso terapéutico por factores familiares e persoais". A escritura foi "unha ferramenta terapéutica" e aclara que se trata dunha ficción na que personaxe principal "ten similitudes conmigo, pero que non son eu".

É o seu primeiro libro, aínda que durante a súa vida xa escribira sen compartir os textos. Na segunda edición deste premio foi xurado e o inicio da escritura desta obra gañadora coincidiu con esa participación. 

Defensor de que a diversidade afectivo-sexual non está o suficientemente representada na literatura, di moi claramente que é preciso unha atención permanente a esta cuestión e xerar referentes. "Eu son marica os 12 meses do ano e quero ser tamén más alá de xuño", reivindica. 

Aínda que si que "hai referentes", considera que non son "moi visibles, hai que buscalos" e defende este tipo de premios para axudar a darlles visibilidade. 

Fran Alonso, Miguel Calvo Marques e Anabel Gulías
Fran Alonso, Miguel Calvo Marques e Anabel GulíasCristina Saiz

Para "visibilizar e dignificar a diversidade sexual" resulta "fundamental" este premio e asi o defenderon tanto a concelleira de Igualdade de Pontevedra, Anabel Gulías, como o director de Edicións Xerais, Fran Alonso, que deron a coñecer a decisión do xurado. 

Trátase, para Gulías, "dun premio único, que visibiliza a diversidade e nos permite falar, por exemplo, da homofobia presente arredor de todas e todos nós ou darlle voz á comunidade LGTBIQ+". 

Para Fran Alonso, este premio, dotado con 3.000 euros, e o programa Pinto e Maragota en xeral é "fundamental" nun momento como o actual, no que "os dereitos parece que están a sufrir unha regresión".

Este ano concorreron 38 obras ao certame e xurado elixiu por unanimidade o debut literario de Miguel Calvo, unha obra que relata a historia dun home gai que lembra a súa infancia xunto un pai maltratador

O xurado valorou a calidade literaria e riqueza lingüística da obra e destacou o carácter poliédrico da novela, na que numerosos personaxes, animais e obxectos se unen para contar unha historia chocante.

Destaca que fala de violencia machista, de saúde mental, autolesións, a necesidade de atopar vías de escape á dor e introduce, dun xeito testemuñal, a vergoña e a marxinación do protagonista dentro da familia polo feito de ser homosexual. 

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora