Pinto e Maragota despide o ano con dous vermús culturais e obradoiros nos institutos

Pontevedra
15 de outubro 2025
Actualizado: 10:39

Para a comunidade educativa, haberá unha vintena de obradoiros nos institutos da cidade e unha nova edición da xornada formativa para profes profesionais das aulas

Anabel Gulías presenta a quinta edición do Premio Pinto e Maragota
Anabel Gulías presenta a quinta edición do Premio Pinto e Maragota / Mónica Patxot

O programa municipal Pinto e Maragota, impulsado pola Concellería de Igualdade, entra na recta final do ano cun auténtico fervedoiro de propostas que mesturan formación, reivindicación e lecer para todos os públicos.

Para a comunidade educativa, haberá unha vintena de obradoiros nos institutos da cidade e unha nova edición da xornada formativa para profesionais das aulas. Será o sábado 10 de outubro, no Teatro Principal, con inscrición gratuíta en [email protected]. Este ano falarase de saúde mental, terapias de conversión, deporte e diversidade, e tamén haberá podcast en directo, entrevistas e ata un obradoiro para meter contido queer na Wikipedia.

E para o público xeral, Pinto e Maragota trae dous vermús culturais que xa son cita obrigada na axenda pontevedresa. O primeiro será un Vermú Literario, o venres 17 de outubro, ás 19:00 horas, na Libraría Paz co escritor pontevedrés Álvaro Domínguez, autor de Gai, o xusto, un ensaio sobre o "auto-odio nos homes maricas CIS", finalista do III Premio de teorías Queer e Crip Sonia Rescalvo Zafra

O segundo será un Vermú Musical, o venres 14 de novembro, ás 20:00 horas, no Bar Verbena con Raposa, dúo pontevedrés que mestura jazz, música clásica, canción protesta e moito máis. Presentan o seu disco 'Un amor', unha oda á diversidade e á música como ferramenta de transformación social.

A concelleira de Igualdade, Anabel Gulías, destacou que "Pontevedra unha cidade na vangarda de actividades ao redor da diversidade en todo o país, cunha programación ampla, variada, para o conxunto da cidadanía, unha cidade que non celebra o Orgullo só o 28 de xuño senón durante todo o ano, unha cidade orgullosa que celebra e reivindica a diversidade cada día".

Nos obradoiros nos institutos, trabállase cos datos da enquisa sobre diversidade realizada o curso pasado, que revelou un dato alarmante como é que menos do 50% do alumnado LGTBIQ+ ve os centros como espazos seguros. Por iso, máis que nunca, faise necesario seguir traballando desde as aulas. 

Participan os IES Valle Inclán, Sánchez Cantón, A Xunqueira I e II, Frei Martín Sarmiento, Torrente Ballester, a EPA Río Lérez e tamén a Universidade de Vigo.

Anabel Gulías sinalou que isto non remata aquí xa que Pinto e Maragota ten un novo proxecto en marcha que se presentará moi pronto. 

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora