Estrea absoluta de "Fóra de si" na Capela da Lanzada este venres

O Salnés
04 de setembro 2025

Nuria Sotelo e Luz Arcas presentan unha intervención de danza que explora o "corpo jondo" dentro do ciclo de Artes Vivas da Bienal de Pontevedra, promovida pola Deputación provincial

Nuria Sotelo e Luz Arcas
Nuria Sotelo e Luz Arcas / Carmen Verdú - Deputación de Pontevedra

O ciclo de Artes Vivas da Bienal de Pontevedra chega este venres a Sanxenxo coa estrea absoluta de "Fóra de si", unha peza de danza que se representará ás 21:00 horas na Capela da Lanzada con entrada libre ata completar a capacidade do recinto.

A intervención está protagonizada por Nuria Sotelo e Luz Arcas, coa colaboración de Quique Peón e Xabier Erkizia, e parte dunha investigación ao redor do concepto de "corpo jondo" que desenvolve a coreógrafa malagueña Luz Arcas.

Arcas explica que leva anos traballando no "corpo jondo como motor de movemento interno e punto de partida para os meus bailes", nunha procura expresiva desligada formalmente de calquera tradición pero conectada enerxeticamente coas expresións da súa terra, co flamenco, cos ritos e co folclore andaluz.

A proposta explora preguntas como "Como se encarna a vida sen corpo?, como se baila fóra de si?, como entregar o corpo a mensaxes doutros corpos que xa non están aquí?", utilizando como materia o corpo-voz de Nuria Sotelo, a voz e percusión de Quique Peón e o espazo sonoro de Xabier Erkizia.

Luz Arcas, fundadora da compañía La Phármaco e Premio Nacional de Danza 2024, colabora con Nuria Sotelo, bailarina e directora artística da compañía Furia Sotelo, xunto co investigador do baile tradicional galego Quique Peón e o artista sonoro navarro Xabier Erkizia.

O ciclo de Artes Vivas, comisariado por Iñaki Martínez Antelo, ten a súa base en Pontevedra pero espállase por diferentes puntos da provincia, activando espazos urbanos, patrimoniais e industriais que se transforman en escenarios efémeros.

Se as condicións meteorolóxicas son adversas o programa podería sufrir modificacións, segundo indican desde a Deputación de Pontevedra.

Arquivado en