Estudantes europeos vístense de avoas galegas durante un intercambio cultural

Umia
16 de febreiro 2026
Actualizado: 12:59

O programa Erasmus+ reúne no CPI de Santa Lucía de Moraña a estudantes polacos, italianos e galegos

Alumnos do CPI Santa Lucía conviven con estudiantes polacos e italianos
Alumnos do CPI Santa Lucía conviven con estudiantes polacos e italianos / CPI Santa Lucía

O CPI Plurilingüe Santa Lucía de Moraña levou a cabo un proxecto promovido polo programa Erasmus+. Do 8 ao 15 de febreiro viviron un encontro internacional que converteu, durante unha semana, a un pobo galego nun punto de intercambio cultural.

Sete profesoras e 21 alumnos chegaron desde Somonino, en Polonia, e desde Moncalvo e Poggibonsi, en Italia, para compartir tradicións e convivir con familias galegas.

Hai uns meses fora o alumnado morañés quen viaxou a estes países; agora, os fogares galegos devolveron a experiencia acollendo aos estudantes europeos.

A convivencia permitiu mostrar de primeira man a vida cotiá en Galicia: a gastronomía, os horarios ou a dinámica familiar sorprenderon os visitantes, que viviron a experiencia desde dentro.

O programa, financiado pola Unión Europea, busca fomentar a autonomía, a tolerancia,  comunicación intercultural e o sentimento de pertenza europea.

O alumnado estranxeiro participou tanto nas clases habituais como nas actividades relacionadas co Proxecto Documental Integrado do centro 'Sementando futuro: a terra fala'.

Durante eses días, nas aulas mesturáronse o polaco e o italiano co galego, castelán e inglés, convertendo a escola nunha pequena Europa.

Un dos momentos máis significativos da convivencia foi o protagonismo dun símbolo de identidade galega: o típico mandil de cadros das avoas, traballado a partir do proxecto 'Superavoas' do artista Yoseba MP.

O alumnado reinterpretou a peza desde as súas propias culturas, creando pezas artísticas inspiradas nela.

Coincidienco co Entroido, o profesorado e os estudantes disfrazáronse de Superavoas para homenaxear as avoas galegas, transformando esta tradición nunha linguaxe común europea.

A experiencia completouse con exposicións sobre os lugares de orixe do alumnado que axudaron a descubrir as diferenzas e similitudes entre tradicións e costumes.

Fóra da aula, os estudantes visitaron a Praia da Lanzada, Combarro e a Illa de Arousa, onde participaron en actividades de marisqueo organizadas polas familias de acollida.

Los alumnos del proyecto Erasmus+ visitan puntos característicos de la provincia
Os alumnos do proxecto Erasmus+ realizan actividades de marisqueo. CPI Santa Lucía

Tamén coñeceron o patrimonio natural, cultural e gastronómico galego percorrendo a cidade de Pontevedra e o casco histórico de Santiago de Compostela, completando unha semana de inmersión cultural.

Este centro educativo é un dos 65 centros galegos acreditados no programa Eramus+, apostando por abrir o mundo desde o rural galego.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora