Evento exclusivo no Museo o 26 de xaneiro para presentar 'Perdón por las molestias', o primeiro álbum de Javier Lago

Pontevedra
17 de xaneiro 2024

O disco do cantautor pontevedrés tamén sairá ese 26 de xaneiro á venda con dez cancións e o single 'Todo a la vez', onde fala da ansiedade que provoca a incerteza e a incapacidade de controlar todo. No Museo, o músico ofrecerá unha presentación do álbum en formato acústico deseñado para esta estrea

Javier Lago presenta o seu primeiro álbum
Javier Lago presenta o seu primeiro álbum / Javier Lago

O venres 26 de xaneiro é a data escollida para a publicación do primeiro álbum do músico pontevedrés Javier Lago.

Leva por título 'Perdón por las molestias' e será presentado ese mesmo día 26 no Museo de Pontevedra nun concerto acústico do cantautor. 

Este traballo consta de dez cancións, con Todo a la vez como single que acompaña á saída. Neste tema trata a ansiedade que provoca a incerteza e a incapacidade de controlar todo.

No disco atópanse temas en diferentes rexistros destacando unha versión de 'Menina estás à janela', unha canción popular portuguesa, da rexión do Alentejo, que conta cunha versión moi famosa de Vitorino.

Desde o pop a temas máis intimistas, este primeiro traballo discográfico chega ata estilos como a rumba que pecha o disco cunha invitación a familiares e amigos a cantar co propio Javier Lago en  'Puede que no quede nada'. 

No acto previsto no Museo de Pontevedra, a partir das 19.30 horas, Javier Lago falará sobre a composición e produción deste disco ofrecendo un concerto en formato acústico deseñado para este evento. Estará acompañado polo produtor musical Raúl Ben, con quen xa traballara en El temblor (2022), realizando a gravación e a mestura desta nova obra en Gingko Music Studios e masterizando en Beabesada Estudos.

O músico actualmente forma parte de Sonemerxente , a aceleradora cultural  promovida por AGADIC coa Fundación Paideia e, durante os últimos meses, presentou temas como 'Nada tiene sentido', un tema no que denuncia o acoso escolar, con apoio da Fundación ANAR.