Éxito de público no arranque das Noites de Monólogos coa actuación do actor Luis Zahera

Pontevedra
02 de agosto 2022

O intérprete galego presentou o seu monólogo titulado 'Chungo', que encheu de público as pistas de Campolongo dentro da programación das Festas de Verán do Concello de Pontevedra. Este martes está prevista a actuación no mesmo escenario do cómico David Amor a partir das 22.30 horas. Tamén actuarán nesta xornada o mago Adrián Conde e o escapista Víctor Cerro, na Alameda e na praza de España, respectivamente

Mónologo de Luis Zahera nas Festas de Verán 2022
Mónologo de Luis Zahera nas Festas de Verán 2022 / Cristina Saiz

A espontaneidade do actor compostelán Luís Zahera abría este luns 1 de agosto as Noites de Monólogos que ao longo da semana desenvolveranse nas pistas de Campolongo dentro da programación das Festas de Verán do Concello de Pontevedra.

Zahera ofrecía o seu monólogo 'Chungo' ante o numeroso público que encheu o espazo para gozar dos relatos e historias persoais do actor que logrou éxitos con películas como 'El reino', 'Celda 211' e series como 'La Unidad', 'Vivir sen permiso', 'Entrevías' ou a histórica 'Mareas Vivas'. O seu monólogo fixo un percorrido polas anécdotas vividas desde a súa infancia ata as súas experiencias cinematográficas.

Este martes subirase ao mesmo escenario o cómico de Salceda de Caselas, David Amor, a partir das 22.30 horas con entrada libre. Ao longo da semana, outros humoristas como Carlos Blanco, Xosé Antonio Touriñán e Marta Doviro ofrecerán as súas historias máis divertidas neste espazo ao aire libre.

MARTES DE MAXIA

A programación tamén inclúe este martes outras dúas actuacións. A partir das 19.00 horas, o mago Adrián Conde ofrecerá o seu espectáculo de maxia 'Piccolo Camerino' na Alameda nunha sesión infantil.

A partir das 20.30 horas, o escapista Víctor Cerro ofrecerá a súa proposta de 'Desafíos extremos. Home Diana e Porta do Inferno' na praza de España. 

As entradas son libres a estes dous espectáculos.