Éxito de público no Sons de Ánkar para ver ás Tanxugueiras, Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre e Treixadura

Poio
30 de abril 2023

Poio acolleu este sábado un festival gratuíto con Tanxugueiras, Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre e Treixadura. É a primeira vez que os tres grupos coincidían nun escenario e foi no do Sons de Ankar cun grande éxito de público

Sons do Ankar. Concerto das Tanxugueiras
Sons do Ankar. Concerto das Tanxugueiras / Concello de Poio

Tres dos nomes máis relevantes da música tradicional galega, máximos representantes de tres xeitos moi distintos de entender a nosa música de raíz, conformaron o cartel da edición de 2023 do festival Sons de Ankar.

Foi a primeira vez que Tanxugueiras, Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre e Treixadura coincidían un mesmo escenario, o que convertiu ao Sons de Ankar no gran evento da música tradicional galega desta tempada.

O festival celebrouse este sábado no parque de Ankar, en Poio, con entrada de balde.

O Concello de Poio valorou positivamente o "grande éxito de público" que tivo este evento.

A actuación máis celebrada foi a do trío de pandeireteiras formado por Aida Tarrío e Olaia e Sabela Maneiro.

Pola súa banda, Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre, interpretou temas do seu último disco, As catedrais silenciadas, co que conseguiu fitos como permanecer tres meses consecutivos no Top Ten do World Music Charts Europe ou entrar na sección Top of the World da prestixiosa revista Songlines, na que os editores escollen os 10 mellores discos de cada mes en todo o mundo. Tamén a Transglobal World Music Charts, unha das listas máis recoñecidas do mundo, incluíu As Catedrais Silenciadas no seu ránking de mellores discos 2020-2021: no número 28 do mundo e no número 1 da península Ibérica.

E Treixadura veñen reafirmando dende 1990 a súa vontade de observar, entender e interpretar a música tradicional galega desde dúas concepcións ben arraigadas: o canto e a gaita, rescatando do anonimato moitas melodías e creando outras tantas para que a cadea de transmisión da música tradicional continúe viva.