Éxito rotundo do SonRías Baixas cun balance de 22.000 asistentes

Bueu
06 de agosto 2018

O festival bateu o seu récord de participación na que foi a súa XVI edición, con tres xornadas de música, gastronomía e praia que congregou xente de toda a península

XVI Festival SonRías Baixas en Bueu
XVI Festival SonRías Baixas en Bueu / Festival SonRías Baixas

Un SonRías Baixas de récord. O festival, que pechou na madrugada do sábado a súa XVI edición, bateu de longo o seu récord absoluto de asistencia.

Durante as tres xornadas que durou a actividade musical e gastronómica congregáronse en Bueu 22.000 persoas chegadas de diferentes puntos da península, segundo os datos que manexa a organización. Supérase así en preto de 5.000 persoas a cifra do ano 2016 nunha edición que estivo marcada pola onda de calor.

O sábado 4 de agosto foi a xornada de maior afluencia, con máis de 10.000 persoas asistindo aos diferentes eventos e concertos como os de Muerdo, Gatillazo,  Muchachito, Berri Txarrak ou The Skarnivals.

O venres, día no que actuaron Sara Hebe, Che Sudaka, La Raíz, Desakato e Terbutalina, con máis de 6.500 asistentes e o cartel de completo na zona de  acampada.

Pola súa banda o xoves 2 de agosto os asistentes foron máis de 4.600 gozando da música de Assekes, Talco ou Revolta Permanent.

O Festival SonRías Baixas foi producido pola empresa PlayPlan co apoio do Concello de Bueu, a Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia, a través de Agadic.