Experimentación, abstracción e natureza na exposición de Luisa Valdés

Pontevedra
02 de setembro 2021

A mostra pictórica pode visitarse no Espazo Nemonon ata o vindeiro venres 10 de setembro

Exposición de Luisa Valdés no Espazo Nemonon
Exposición de Luisa Valdés no Espazo Nemonon

'Intemperie' é a exposición da artista coruñesa Luisa Valdés que se pode visitar ata o venres 10 de setembro no Espazo Nemonon de Pontevedra (Marqués de Riestra, 11). Valdés é Graduada na Escola de Artes Aplicadas e Oficios Artísticos da Coruña e Diplomada na Escola Nacional Superior de Belas Artes de París. 

A súa traxectoria está marcada pola experimentación e a abstracción referenciada na natureza e na procura de novos rexistros na súa produción.  "O azar e o momento no que estou a pintar convértese para min na parte máis interesante do meu traballo, sempre me sorprende, é ás veces o propio material o que traballa e eu observo as súas formas accidentais como as observo nas paisaxes. Pintura imperativa, trazada coa técnica do monotipo, debedora da decalcografía de Max Ernst, onde a pegada e o azar forman parte constitutiva do proceso, entendido como unha procura da textura intuitiva, expresiva e sensorial"  sinala a autora.

Ademais da súa produción artística, coordina e deseña talleres de Arte para nenos ensinándolles artistas e movementos de vangarda de forma creativa e espertando o interese polas obras de arte. De igual forma colabora na difusión do traballo das mulleres artistas e as reivindicacións de xénero nos diferentes campos artísticos.

Outra das facetas en que traballa é a divulgación artística e neste ámbito colaborou con entidades como a Biblioteca da Deputación da Coruña, a Fundación Seoane, a Fundación Jove, o Concello de Culleredo ou o Colexio de Arquitectos de Vigo, entre outros.