A exposición 'Rosalía Ilustrada' reúne en Pontevedra 35 visións artísticas sobre a obra da escritora

Pontevedra
20 de xullo 2026
Actualizado: 21 de xullo

A Deputación de Pontevedra acolle ata finais de agosto esta exposición itinerante

Exposición 'Rosalía Ilustrada'

O vestíbulo do Pazo Provincial da Deputación de Pontevedra acolle desde este luns a exposición 'Rosalía Ilustrada', unha mostra que achega ao público 35 ilustracións orixinais creadas por artistas galegos a partir de textos de Rosalía de Castro.

A iniciativa, impulsada pola Fundación Rosalía, poderá visitarse ata o próximo 31 de agosto con entrada libre.

A inauguración contou coa presenza do presidente da Fundación Rosalía, Anxo Angueira, e da deputada provincial María Ramallo.

Anxo Angueira e María Ramallo    Alberto de Madrid Lafuente

A exposición forma parte dun proxecto que busca explorar a influencia da autora máis aló da literatura, a través do diálogo entre a súa obra e a ilustración contemporánea.

Cada unha das pezas expostas interpreta visualmente un fragmento da produción de Rosalía de Castro.

Trátase de obras realizadas con técnicas manuais por algúns dos nomes máis representativos da ilustración e da banda deseñada galega, entre eles Miguelanxo Prado, Luís Davila "O Bichero", Xaquín Marín, Bea Lema, Kiko da Silva, Manel Cráneo, Leandro Lamas, Xosé Cobas, Pepe Carreiro, Andrea de Toba, Óscar Villán ou Iria Ribadomar, xunto a outros creadores que completan a nómina de 35 participantes.

O proxecto naceu en 2004, baixo a dirección de Ana Blanco e co comisariado de Fausto Isorna, acompañado daquela dunha publicación que recollía as ilustracións. Dúas décadas despois, a Fundación Rosalía recuperou a iniciativa cunha edición renovada na que se incorporan dez novos autores.

Exposición 'Rosalía Ilustrada'  Alberto de Madrid Lafuente

A mostra iniciou o seu percorrido este ano en Vigo e, tras a súa estancia en Pontevedra, continuará a súa itinerancia por outras localidades galegas, con próximas paradas en Lugo e Lalín.

Durante a presentación, María Ramallo salientou a pegada que Rosalía de Castro segue a exercer na cultura galega e lembrou algunhas das iniciativas que a Deputación desenvolve arredor da súa figura, como o programa de visitas escolares á Casa-Museo de Rosalía, o concurso Canta Rosalía! ou os actos conmemorativos do Día de Rosalía.

A exposición pode visitarse de balde no vestíbulo do Pazo Provincial, de luns a venres, entre as 9.00 e as 20.00 horas, ata o 31 de agosto.

Exposición 'Rosalía Ilustrada'    Alberto de Madrid Lafuente

 

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora