A fame negra como fórmula para aniquilar poboación en Gaza será tratada na Semana Galega de Filosofía

Pontevedra
04 de marzo 2026
Actualizado: 18:15

O evento celebrarase do 6 ao 10 de abril no Teatro Principal de Pontevedra centrándose no alimento como vínculo primario. Contará con figuras como María José Guerra e Matías Bruera

Montse Bragado, Alexandre Cendón, Miguel Anxo Fernández Lores e Demetrio Gómez
Montse Bragado, Alexandre Cendón, Miguel Anxo Fernández Lores e Demetrio Gómez / Concello de Pontevedra

Pontevedra volverá ser a capital galega do pensamento e da reflexión despois da Semana Santa arredor de temas de actualidade. A Aula Castelao de Filosofía presentou un avance da súa 42ª edición, que nesta ocasión xirará baixo o lema "Filosofía e Alimento".

A cita está prevista entre o luns de Pascua, 6 de abril, e o venres 10 no Teatro Principal.

O presidente da Aula Castelao de Filosofía, Alexandre Cendón, e a representante da directiva Montse Bragado, mantiveron este mércores un encontro co alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e o concelleiro de Cultura, Demetrio Gómez.

O rexedor destacou o esforzo da organización para manter viva unha cita de proxección internacional e de maneira ininterrompida desde os anos oitenta.

Subliñou que a temática elixida posúe total vixencia debido ás desigualdades provocadas polos intereses económicos, incidindo na necesidade de apostar por unha produción de proximidade para reducir a pegada de carbono e protexer o planeta.

Alexandre Cendón agradeceu o apoio institucional do Concello, cualificándoo de imprescindible para desenvolver o proxecto.

Lembrou tamén as limitacións económicas e loxísticas que supón organizar un evento destas características desde o "recuncho do finisterre atlántico", un feito que en ocasións dificulta as viaxes de figuras internacionais.

A escolla do alimento como eixo central, pertinente e de actualidade, busca xerar unha reflexión profunda sobre a corporalidade e a materialidade do ser humano.

"Tratamos de transmitir que estamos ligados ao mundo e o alimento é o que nos une a el", sinalou o presidente da Aula.

Cendón advertiu que, fronte a un sistema que nos fai crer que somos seres autónomos, na realidade somos heterónomos e precisamos das demais persoas.

Esta ligazón primaria coa terra axuda, en palabras da directiva, a rachar coa "sociedade do espectáculo" dominada polas pantallas e o streaming.

Durante as xornadas abordaranse problemáticas estruturais como a mala alimentación no primeiro mundo, a deficiente distribución dos recursos e a fame.

Neste sentido, a organización fixo mención ao uso da "fame negra" como arma empregada para aniquilar o pobo palestino na Franxa de Gaza.

O programa manterá a súa vocación de achegar a filosofía á cidadanía do común, fuxindo de enfoques estritamente académicos.

Cunha franxa horaria desde as 10.30 ata as 22.00 horas, a estrutura dividirase en tres bloques: as mañás estarán dedicadas puramente á filosofía mediante cinco relatorios; as tardes abordarán a cuestión alimentaria desde a perspectiva de Galicia; e as noites terán un formato máis divulgativo.

Aínda que a presentación formal do programa completo terá lugar a vindeira semana, a Aula Castelao adiantou os nomes de dúas das figuras que participarán nesta edición.

O sociólogo arxentino Matías Bruera será o encargado de inaugurar a semana no Teatro Principal, cunha intervención que analizará a fenomenoloxía do alimento. É autor dos libros "La Argentina fermentada" e "Mapping the Tasteland".

Xunto a el, o evento contará coa presenza de María José Guerra Palmero, doutora en Filosofía, teórica feminista e catedrática de Filosofía Moral na Universidade de La Laguna. Ex-presidenta da Rede Española de Filosofía e investigadora de referencia no eido do ecofeminismo, Guerra centrará o seu relatorio na relación do alimento coas mulleres e o movemento feminista.

Montse Bragado, Alexandre Cendón, Miguel Anxo Fernández Lores e Demetrio Gómez
Montse Bragado, Alexandre Cendón, Miguel Anxo Fernández Lores e Demetrio GómezPontevedraViva