"Fariña" salta ao teatro e estará en cartel en Pontevedra durante dous días

Pontevedra
03 de outubro 2019

Tras o seu éxito editorial e a estrea da súa adaptación televisiva, salta agora ao teatro. A obra inspirada en Fariña, o libro do xornalista Nacho Carreterro sobre a historia do narcotráfico en Galicia, xa é unha realidade e a cidade de Pontevedra foi incluída na súa xira de presentación

Cartel promocional da adaptación teatral de "Fariña"
Cartel promocional da adaptación teatral de "Fariña" / Afundación

O fenómeno que rodeou a Fariña, o libro do xornalista Nacho Carretero sobre a historia do narcotráfico en Galicia, non se detén. Tras o seu éxito editorial e a estrea da súa adaptación televisiva, salta agora ao teatro. A obra inspirada en Fariña xa é unha realidade e a cidade de Pontevedra foi incluída na súa xira de presentación.

O auditorio de Afundación acollerá senllas representacións, os días 22 e 23 de novembro, desta obra dirixida por Tito Asorey e cun reparto encabezado por Xosé Antonio Touriñán, un dos actores protagonistas da serie de televisión. Xunto a el estarán os actores Marcos Pereiro, María Vázquez, Sergio Zearreta e Cristina Iglesias.

Ademais, o grupo Novidades Carminha é o encargado de poñer banda sonora á obra.

A historia teatral de Fariña parte dunha impoñente descarga na que suceden conversacións entre mozos e veciños falando, comprando, consumindo e manexando con soltura o famoso Winston de batea.

Os actores entran e saen da escena meténdose na pel de decenas de personaxes entre situacións familiares: un alcalde corrupto disposto a financiar unha verbena ou os veciños máis novos probando a mercadoría ás agachadas... ata que o salto ao narcotráfico ocorre no escenario coa mesma soltura coa que tivo lugar na realidade.

De súpeto, escóitase acento colombiano e marroquí. As drogas toman o control. E, de novo como sucedeu en realidade, aparece a traxedia. En forma de nais, mozos afundidos e, por fin, operacións policiais.

Todo cabe sobre un escenario que recolle un percorrido fiel por este escuro capítulo da historia de Galicia e que promete aos espectadores realizar unha viaxe no tempo desde unha óptica próxima, real e familiar.

As entradas para ver Fariña en Pontevedra teñen un prezo que oscila entre os 19 e os 23 euros. Pódense adquirir a través da plataforma Ataquilla.com.