Pontevedra recibe dobre ración de 'Fariña'

Pontevedra
23 de novembro 2019

A adaptación teatral do popular libro de Nacho Carretero chegou este venres a Pontevedra con éxito de público no Auditorio Afundación

Representación da obra 'Fariña' en Pontevedra
Representación da obra 'Fariña' en Pontevedra / Diego Torrado

Libro, serie televisiva e agora teatro. O fenómeno 'Fariña' chegou este venres a Pontevedra coa adaptación teatral do popular libro de Nacho Carretero.

Fíxoo con éxito de público nun Auditorio Afundación que este sábado repite cunha segunda sesión.

A obra 'Fariña' está dirixida por Tito Asorey cun reparto encabezada por Xosé Antonio Touriñán, un dos actores protagonistas da serie de televisión. Xunto a el os actores Marcos Pereiro, María Vázquez, Sergio  Zearreta e Cristina Iglesias.

A historia teatral de Fariña parte dunha impoñente descarga na que suceden conversacións entre mozas e veciños falando, comprando, consumindo e manexando con soltura o famoso Winston de batea.

Os actores entran e saen da escena meténdose na pel de decenas de personaxes entre situacións familiares: un alcalde corrupto disposto a financiar unha verbena ou os veciños máis novos probando a mercadoría ás agachadas ata que o salto ao narcotráfico ocorre no escenario recreando o que sucedeu anos atrás nas Rías Baixas.