Até Tenerife desprazouse a delegación pontevedresa que participará no arranque dos Premios Feroz 2026, que a cidade de Pontevedra volverá acoller en xaneiro.
Na capital canaria, a Asociación de Informadores Cinematográficos de España (AICE), organizadora destes galardóns, impulsa estes días a sexta edición do festival Lo que viene.
Os Feroz 2026 presentaranse este xoves no marco deste encontro entre a prensa especializada en cine e series e destacados axentes da industria audiovisual.
"Temos moitas ganas de volver a Pontevedra", sinalou a presidenta da AICE, María Guerra, que saudou este mércores ao alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores.
Demostrando a complicidade que lles une, ambos avanzaron que no avance dos Feroz 2026 que ofrecerán mañá desvelarán a data da gala e o nome dos seus presentadores.

O alcalde destacou que este será o "pistoletazo de saída" para a nova edición dos Feroz, afirmando que "estamos aquí para promocionar Pontevedra".
"Trátatse de situar xa a Pontevedra de cara a xaneiro de 2026", engadiu.
Á súa chegada a Tenerife, Fernández Lores, acompañado entre outros polos edís Anabel Gulías, Demetrio Gómez e o socialista Iván Puentes -Rafa Domínguez non puido acudir por motivos persoais- achegouse polo festival.
Alí coincidiu co director galego Lois Patiño, que presentaba no festival a súa última película, Ariel, a súa particular adaptación de A tempestade de William Shakespeare.