PODCAST. Dos Feroz aos Goya, continuamos falando sobre cinema nas 'Conversas na Ferrería'

Pontevedra
06 de febreiro 2025
Actualizado: 9:33

Se o mes de xaneiro foi o mes dos Premios Feroz, entrados en febreiro chegamos á cita cos Premios Goya. Por iso volvemos convidar en PontevedraViva Radio a tres persoas vencelladas ao cinema

Seve Casalderrey, Rocío Torres máis Nani Matos no podcast 'Conversas na Ferrería' Mónica Patxot

O podcast 'Conversas na Ferrería' comezou o ano en clave de sétima arte e así continuamos.

Nesta edición os invitados a este faladoiro poñen diante as candidaturas propostas pola Academia de Cine aos próximos Premios Goya que terán lugar o oito de febreiro en Granada.

Contamos con Severiano Casalderrey, vinculado á docencia, programador e crítico de cinema e membro da Academia Galega do Audiovisual e da Academia das Artes e as Ciencias Cinematográficas de España.

Rocío Torres está profesionalmente vencellada ao audiovisual e a comunicación e é integrante de CREA, a Asociación Galega de Profesionais da Dirección e Realización.

E Nani Matos, director, guionista e actor, forma parte da Academia Galega do Audiovisual e da Asociación de Actores e Actrices de Galicia.

Antes de entrar na conversación sobre os Goya 2025, miramos á gala dos Premios Feroz celebrada en Pontevedra na que estiveron presentes tanto Matos como Casalderrey.

Repasan e opinan sobre as propostas seleccionadas aos vinte e nove 'cabezóns' que se entregarán esta semana.

Mesmo se pon sobre a mesa as bases que regulan o proceso de nominacións na Academia de Cine, casos por exemplo dos criterios na selección de documentais ou na posibilidade de que unha persoa - neste caso refiren ao actor Eduard Fernández -, poida ou non estar nomeado por máis dunha interpretación.

Na presente edición a película que máis nominacións aglutina é 'El 47' cun total de catorce, séguenlle 'La infiltrada' con trece, 'Segundo premio' con once nominacións, 'La habitación de al lado' con dez, nove suma a película 'La virgen roja' e con oito conta 'Casa en flames' e 'La estrella azul'.