Terceiro concerto confirmado para as Festas da Peregrina: Sidecars actuarán en Pontevedra o 12 de agosto

Pontevedra
09 de xuño 2026
Actualizado: 12:39

O de Sidecars é o terceiro concerto confirmado para a semana grande das Festas de Verán. Seguen o ronsel de C Marí (10 de agosto) e Miguel Ríos​​​​​​​ (14 de agosto)

Sidecars
Sidecars / PontevedraViva

A banda de indie-rock Sidecars súmanse á oferta musical das Festas da Peregrina de Pontevedra.

Actuarán na Praza de España o mércores 12 de agosto, ás 22:30 horas.

Así o anunciou o Concello de Pontevedra a través das súas redes sociais.

Despois de case dúas décadas de traxectoria, seis discos de estudo e un en directo, a banda madrileña continúa presentando o seu último álbum, Everest.

Con este disco, que os consolida como un dos grupos máis sólidos do panorama musical nacional, inauguran unha nova etapa chea de enerxía, ilusión e madurez artística.

Juancho (voz e guitarra), Gerbass (baixo) e Ruly (batería) mostrarán en Pontevedra todo o seu poderío musical nun concerto no que, ademais dos temas do seu novo disco, interpretarán os seus grandes éxitos.

Así, sobre o escenario da Praza de España soarán, entre outros, cancións tan emblemáticas como Fan de ti, Tu mejor pesadilla, Amasijo de hierros, Contra las cuerdas, Hasta que cierro los ojos ou Mundo imperfecto.

O de Sidecars é o terceiro concerto confirmado para a semana grande das Festas de Verán.

Seguen o ronsel de C Marí (10 de agosto) e Miguel Ríos (14 de agosto).