O Festival de Jazz e Blues regresa a Pontevedra con acento internacional e talento galego

Pontevedra
23 de xullo 2026

A edición número 32 do festival mesturará o talento local de grupos como Layuca con grandes figuras internacionais do alcance de Nils Petter Molvaer ou Cyrille Aimée

Presentación do 32º Festival Internacional de Jazz e Blues de Pontevedra
Presentación do 32º Festival Internacional de Jazz e Blues de Pontevedra / Concello de Pontevedra

A Boa Vila volverá gozar dun dos seus eventos máis emblemáticos da tempada estival, o Festival Internacional de Jazz e Blues de Pontevedra, que celebrará neste 2026 a súa edición número 32 cunha programación "que pode captar a calquera cun mínimo de interese na música".

Serán cinco días da mellor música deste xénero que arrincarán o 3 de agosto coa actuación de Layuca e que se estenderán até o venres 7, día de peche baixo a harmonía de Cyrille Aimée. Cada xornada estará amenizada por un pasarrúas protagonizado por Brass Atlantic, agrupación encargada de animar cada recuncho da cidade desde as 12:30 na sesión matinal e a partir das 20:00 como antesala aos concertos.

Demetrio Gómez, concelleiro de Festas, destacou durante a presentación do festival que esta edición terá "unha variedade moi ampla de estilos" con propostas que van desde o jazz galego, o jazz blues e o swing, até músicas africanas e cubanas cun panorama moi amplo de electrónica.

Doutra banda, o edil puxo en valor o caracter gratuíto dunha cita na que "os que non sabemos tanto destas cousas podemos aproveitar para descubrir novas sonoridades".

Xunto a el estiveron presentes os coordinadores do festival, Paco Charlín e José Antonio Ortiz, que explicaron os detalles dun evento que volve apostar pola combinación do talento galego coas grandes figuras do panorama internacional.

En relación ao ámbito local destaca a presenza de Layuca, unha banda de afrofunk composta por músicos galegos e cubanos que se encargarán de abrir esta trixésima segunda edición o luns 3 de agosto cunha proposta baseada na "mestura entre afro, música cubana e funk".

Collerá a súa remuda outra banda local, Juzz, un cuarteto formado por tres músicos galegos e un holandés que "está medio apadriñado" en Galicia. A súa "mestura de psicodelia, blues, rock e jazz" serán as notas predominantes na actuación do martes 4 de agosto na Praza da Ferrería.

O caracter internacional chegará o mércores 5 coa actuación de Nils Petter Molvaer, un dos músicos "máis importantes de Europa e con maior transcendencia histórica". Cunha carreira que arrincou nos anos noventa do pasado século, o noruegués chega á cidade do Lérez para mostrar un estilo marcado pola fusión e unha linguaxe propia.

A xornada do xoves 6 non queda curta, nin moito menos, pois se xuntarán no escenario da Praza da Ferrería "o mellor organista de Hammond B-3 de Europa", Raphael Wressnig, cunha cantante que xa estivo neste festival e que "algúns afeccionados nos pediron que repetise", Gisele Jackson.

Para pechar coa programación o venres 7, chega a Pontevedra unha das cantantes máis relevantes na escena actual como é Cyrille Aimée. A francesa ten ritmos que fusionan "con música máis caribeña" e actuará en Galicia por primeira vez nesta edición do Festival Internacional de Jazz e Blues de Pontevedra.

Desde a organización agradecen o apoio do Concello por seguir apoiando esta iniciativa e convidan "a calquera cun mínimo de interese na música ou que teña un pouco de curiosidade" a pasar pola Praza da Ferrería para gozar dos concertos.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora