Festivaleiros dende o berce: As Núbebes xa están en Pontevedra

Pontevedra
19 de setembro 2014

A iniciativa, dirixida a bebés e familia está promovida polo Concello de Pontevedra e organizada e coordinada pola compañía teatral Baobab Teatro

Festival das Núbebes
Festival das Núbebes

A II edición do Festival das Núbebes volve converter á cidade de Pontevedra nunha festa das Artes Escénicas. 

Este venres foi a inauguración no Teatro Principal nun acto presentado por Roque (un popular monicreque) xunto a Andrea Bayer, e no que interviron os artistas convidados: Pablo Díaz, Beatriz Campos e Golfiños.

O extenso programa de actividades, dirixido a bebés e meniños de 0 a 5 anos, inclúe teatro, contos, música, danza e obradoiros xunto a algunha que outra sorpresa que promete facer as delicias dos pequenos espectadores e os seus acompañantes.

Unha das novidades da presente edición é a programación de espectáculos de rúa; a existencia dunha Nubesala pensada para facilitarlles aos pais e nais un espazo para o descanso e xogo cos seus bebes; ou un circuíto de Nubebares con menús e servizos especiais para as familias asistentes ao Festival. 

NOVOS ESPAZOS

Outra das novidades é a a ampliación dos espazos onde se celebra o evento, sumando a Praza do Teucro e a Facultade de Belas Artes aos xa empregados na edición anterior: Teatro Principal, Casa das Campás e Casa Azul.

Todas as actividades son de carácter gratuíto agás as que se vaian celebrar no Teatro Principal. ÿstas teñen un custe moi reducido, tan só dos euros. A diferenza da edición anterior, este ano o Festival pretende axilizar o acceso ás actividades centralizando a recollida de entradas. Por este motivo, tanto as que sexan de balde como as que teñan prezo deberán ser retiradas na billeteira do Teatro Principal en horario de 16:00 a 19:00 h os venres 19 e 26 de setembro e de 10:00h a 13:00h e de 16:00h a 19:00h os sábados e domingos (días 20, 21, 27 e 28 de setembro).

O Festival pretende ser un evento que se asente e teña continuidade no tempo non só como festival de referencia en Galicia, senón no resto da península. 

Pretende ser tamén un punto de encontro para as familias e repetir o éxito de convocatoria da edición de 2013, no que se acadaron excelentes resultados de público, enchéndose todas e cada unha das actividades programadas con asistentes da cidade de Pontevedra e procedentes tamén de toda Galicia.