Unha viaxe ao corazón de Beethoven co Cuarteto Gerhard en Pontevedra

Pontevedra
26 de novembro 2025

O prestixioso conxunto catalán ofrecerá dúas obras monumentais do xenio alemán: o Cuarteto núm. 15, op. 132, e o Cuarteto núm. 16, op. 135

Cuarteto Gerhard
Cuarteto Gerhard / Josep Molina / Sociedad Filarmónica de Pontevedra

A Sociedade Filharmónica de Pontevedra convida o público a unha cita especial o vindeiro luns 1 de decembro, ás 20:30 horas, no Teatro Principal. Ese día comezará un emocionante proxecto musical como é a interpretación íntegra dos cuartetos de corda de Beethoven, unha viaxe que se desenvolverá ao longo desta e das próximas tempadas.

Para inaugurar esta aventura non podía haber mellores guías que o Cuarteto Gerhard.

Nesta primeira velada, o prestixioso conxunto catalán ofrecerá dúas obras monumentais do xenio alemán: o Cuarteto núm. 15, op. 132, de profundísima expresión, e o Cuarteto núm. 16, op. 135, última peza que Beethoven completou e que respira unha inconfundible serenidade final.

O Cuarteto Gerhard está considerado un dos ensembles da súa xeración máis recoñecidos internacionalmente. O seu son coidado, a súa sensibilidade e o seu profundo respecto pola música, concibida por eles como un auténtico valor humano, leváronos a escenarios de primeiro nivel.

Na súa traxectoria sobresaen actuacións que van dende a String Quartet Biennale Amsterdam até festivais como Verbier, Aix-en-Provence, a Schubertiada de Vilabertran ou o Festival Radio France Montpellier. Tamén actuaron en salas emblemáticas de Suíza, Francia, Italia ou Holanda, e desde 2018 son artistas residentes do Palau da Música de Barcelona e do Auditorio Josep Carreras de Vilaseca.

No terreo discográfico, destaca o seu álbum Portrait (Seed Music, 2016), galardoado como mellor CD do ano pola crítica, ademais dunha gravación para Harmonia Mundi International con obras de Kurtág, Berg e Schumann.

Fundado en 2010, o grupo tomou o seu nome de Roberto Gerhard, un dos compositores cataláns máis influentes do século XX e discípulo directo de Arnold Schönberg.

Unha homenaxe que reflicte a vocación do cuarteto que é unir tradición, vangarda e unha intensa paixón pola música de cámara.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora