"Follas ao aire", unha iniciativa en Cotobade para crear a biblioteca máis grande

Cerdedo Cotobade
08 de outubro 2016

Colocaranse 10 libros de adultos e outros tantos infantís en puntos de interese turístico coa idea de converter os 135 quilómetros do concello "nunha gran biblioteca"

Libro
Libro

Cotobade puxo en marcha unha orixinal iniciativa baixo a denominación "Follas ao aire" coa idea de promocionar a lectura en espazos naturais. A proposta, segundo o Concello, quere converter ao municipio na biblioteca máis grande do mundo. A proposta consiste na distribución de dez libros para adultos e outros tantos de temática infantil en puntos de interese paisaxístico, ambiental, patrimonial e cultural do municipio para que veciños, visitantes e senderistas aproveiten para realizar lecturas ao aire libre.

Os libros son de autores vinculados ao Concello de Cotobade como Manuel Rivas, Alfonso Rodríguez Castelao, Nélida Piñón, Teresa Moure, Neira Vilas ou Xosé Fortes. As obras atoparanse gardadas nunha urna de metacrilato selada, á que poderán acceder os usuarios. En todos eses puntos instalarase un banco para favorecer a lectura.

Jorge Cubela, alcalde de Cotobade, apunta que con esta idea, que conta co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, quérense aproveitar os 135 quilómetros do municipio fomentando a lectura, a cultura, o turismo, a natureza e o lecer.