O Pazo da Cultura de Pontevedra acollerá a partir do venres, 25 de abril, e ata o 18 de maio, a exposición 'Fotosensíbeis', unha fermosa e relevante mostra fotográfica que recolle traballos realizados polo alumnado da Facultade de Belas Artes ao longo de case tres décadas.
A mostra, de entrada libre, foi comisariada polo fotohistoriador e ex profesor Manuel Sendón, quen impartiu docencia nesta facultade desde 1993 ata 2021.
Organizada polo Concello de Pontevedra en colaboración coa Facultade de Belas Artes e baixo a coordinación de Vacíocero, a exposición pretende amosar as posibilidades da fotografía como medio de produción artística.
Na mostra participan un total de 31 persoas (23 mulleres e 8 homes), entre as que se atopan nomes destacados como Maruxa Fernández, Elena Fernández Prada, Salvador Cidrás, Fran Herbello, Belén Gómez, Olalla García San León ou Victoria Diehl.
Segundo explica o propio comisario no texto da exposición, a selección inclúe "unha escolma de traballos que se iniciaron e remataron na clase, e algúns que se finalizaron despois dun curto período de tempo durante o cal se realizou un seguimento".
Ademais, engade, "móstrase tamén unha selección dos traballos de fin de grao que dirixín, así como outros realizados no Grupo de Investigacións Fotográficas da Universidade de Vigo".

O edil de Cultura, Demetrio Gómez, destacou que se trata dunha "exposición realmente interesante" e dunha "oportunidade única para coñecer os primeiros traballos dunhas artistas que acabarían por ser internacionalmente recoñecidas", como Victoria Diehl ou Fran Herbello.
En paralelo á exposición, celebraranse diversas actividades organizadas por Vacíocero, como visitas guiadas para o público xeral ou dous obradoiros deseñados a partir de obras da mostra.
Un destes obradoiros desenvolverase no exterior, en colaboración con tres asociacións veciñais da cidade. As reservas para estas actividades estarán proximamente dispoñibles na web oficial do Concello.
A inauguración terá lugar este venres 25 de abril ás 18.00 horas na sala de exposicións do Pazo da Cultura.