Preto de 40 integrantes dos equipos decanais de 13 das 16 facultades de Belas Artes de España reúnense nas xornadas de xoves e venres en Pontevedra para debater sobre o futuro desta titulación e as principais demandas destes estudos.
As reunións de traballo estanse complementando con unha serie de visitas a diferentes institucións culturais, como o Museo de Pontevedra, o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) ou a Cidade da Cultura.
Ao longo destas dúas xornadas a Conferencia de Decanos e Decanas de Belas Artes de España abordará cuestións como os efectos nesta titulación da Lei de Ensinanzas Artísticas ou a necesidade de definir criterios para o recoñecemento da produción artística nas acreditacións do persoal investigador.

En declaracións ao Diario da Universidade de Vigo, o decano da Facultade de Belas Artes da Universitat Politécnica de Valencia, o presidente desta conferencia, Pepe Galindo, explica que unha das cuestións centrais a debater nestas dúas xornadas serán "as estratexias a seguir" tras a aprobación da nova Lei de Ensinanzas Artísticas Superiores, "na que se establece que os graos destas institucións son equivalentes a todos os efectos aos das universidades".
Isto, sinalou, supón un "agravio comparativo" para os graos en Belas Artes, xa que, como engade Daniel Bilbao, decano da facultade da Universidad de Sevilla e vicepresidente da conferencia, o alumnado destas institucións non ten que superar as probas de acceso á universidade, a diferencia do universitario, á vez que "o noso profesorado está sometido a controis de calidade permanente por parte da Aneca e os nosos títulos teñen que someterse a acreditación".
Neste punto, Galindo destacou que unha vez que "a lei xa se implantou", o aspecto no que se porá o foco nesta reunión será na necesidade de "determinar as competencias profesionais de cada un dos titulados", posto que se trata de perfís "completamente diferenciados", sinalou Bilbao.
Outro dos aspectos centrais desta conferencia, engadiu Galindo, é tratar de "determinar dalgún modo o recoñecemento da produción artística no ámbito das acreditacións" do persoal investigador e das teses de doutoramento por compendio.
Como sinala a decana da facultade da Universidad Complutense de Madrid e secretaria da conferencia, Raquel Monje, a súa demanda pasa polo establecemento duns "parámetros" que permitan que a produción artística dos investigadores neste eido poida "compararse adecuadamente coa produción no ámbito científico".
Xunto a estas cuestións, a conferencia abordará tamén a necesidade de revisión da baremación das materias de debuxo nas probas de acceso á universidade, que "non están demasiado ben ponderadas", recoñeceu Galindo, así como o proceso que está a desenvolver a propia conferencia para constituírse como asociación.